A mostra Primavera en Danza de Carballo programa cinco espectáculos a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  Desenvolverase no Pazo da Cultura carballés do 26 de abril ao 12 de maio coas actuacións de Fran Sieira, La Macana, Paula Quintas, Daniel Abreu e Entremans, e unha gala de peche dedicada ao baile tradicional da man de Xacarandaina

  O director da Agadic, quen participou este mediodía no acto de presentación xunto ao alcalde e ao concelleiro de Cultura, destacou o valor deste programa na creación e fidelización de públicos para as propostas coreográficas

A mostra Primavera en Danza de Carballo programa cinco espectáculos a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
[10/04/2019]
A Mostra Primavera en Danza de Carballo celebrará a súa décimo sétima edición do 26 de abril ao 12 de maio cunha carteleira que inclúe cinco citas coreográficas programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Consellería de Cultura e Turismo promove a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración coas entidades xestoras dos seus 40 espazos asociados. 
 

Un deles é o Pazo da Cultura carballés, onde terán lugar as devanditas actuacións: Entresoños, de Fran Sieira (26 de abril); Pink Unicorns, de La Macana en coprodución co Centro Coreográfico Galego (27 de abril); Plastic, de Paula Quintas (3 de maio); La desnudez, de Daniel Abreu (4 de maio), e Gaia, de Entremans (5 de maio). Como peche especial, o 12 de maio terá lugar unha gala de baile tradicional a cargo da agrupación coruñesa Xacarandaina, que está a celebrar os seus corenta anos de historia.
 
O programa da Mostra Primavera en Danza, que inclúe tamén diferentes actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea, foi detallado hoxe na presentación na que participou o director da Agadic, Jacobo Sutil, xunto ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura e Deporte, Marco Xosé Trigo, e os representantes dalgunhas das compañías en cartel.
 
Producións galegas
Na súa intervención, o responsable da Agadic situou esta iniciativa do Pazo da Cultura entre os programas pioneiros en Galicia á hora de fidelizar un público para a danza, ademais de destacar o seu valor de promoción para os artistas e compañías que se dedican a esta disciplina na nosa Comunidade. Neste sentido, subliñou a calidade dos catro espectáculos de produción galega contratados para a mostra a través do catálogo da Rede Galega de Teatros e Auditorios: EntresoñosPink UnicornsPlastic e Gaia.
 
Ademais, referiuse especificamente á segunda destas montaxes, presentada por La Macana e coproducida pola Agadic a través do Centro Coreográfico Galego, para incidir no elevado nivel e na diversidade do traballo que se está a facer dentro deste ámbito escénico: “Trátase dunha aposta novidosa, nacida en Galicia, pero con participación internacional e apoiada, ademais, por dúas importantes estruturas escénicas de Alemaña”, afirmou.
 
Lembrou tamén que o Diario Oficial de Galicia publicou o pasado día 5 a nova convocatoria de axudas da Agadic á creación escénica, que por primeira vez este ano destina unha dotación específica (110.000 euros) a subvencionar producións de danza como xeito de favorecer a materialización dos proxectos galegos que xorden cada temporada no marco desta disciplina artística.