A Master Class do Audiovisual Galego AuGAL pecha a sa oitava edicin coa entrega de diplomas aos 150 participantes

  A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra acolleu esta tarde a derradeira das sete sesións programadas desde novembro dentro deste programa formativo da Consellería de Cultura e Turismo e a Universidade de Vigo

   A xornada de clausura deu comezo co relatorio de Elena Mera Dios, de Treeline Distribution, sobre como comercializar un produto audiovisual

A Master Class do Audiovisual Galego AuGAL pecha a sa oitava edicin coa entrega de diplomas aos 150 participantes
[23/04/2019]
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra acolleu esta tarde a sesión de clausura da oitava edición da Master Class do Audiovisual Galego (AuGAL), que incluíu a entrega de diplomas aos 150 estudantes matriculados. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora coa Universidade de Vigo (UVigo) no desenvolvemento deste programa formativo, que desde o pasado mes de novembro lles ofreceu aos participantes catro obradoiros técnicos e tres relatorios a cargo dunha decena de profesionais do sector.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, quen entregou os diplomas xunto a Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra da UVigo, e Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, fixo fincapé no dobre papel desta iniciativa como canle de difusión das obras e do traballo dos profesionais do audiovisual galego e como ferramenta para servirlles de estímulo ás futuras promocións de creadores.
 
Neste sentido, subliñou o feito de que este ano esteamos a asistir a “destacadas estreas de cinema e televisión en diferentes formatos –curtametraxes, longas ou series de ficción– que acolleron nos seus equipos novos profesionais que en tempos formaron parte do alumnado dunha facultade como esta”.
 
Obradoiros e coloquios
Como novidade, o programa do curso 2018-2019 incorporou catro obradoiros específicos sobre diferentes aspectos técnicos como o tratamento da cor con Fernando Alfonsín e Alfonso Merino, de Alfonsín Digital Lab; dirección de fotografía con Suso Bello; son con Miguel Barbosa, de Sound Troop; e guión con Raúl García Pérez.
 
Ademais, e como en anos anteriores, a actual produción audiovisual galega tivo o seu protagonismo nas sesións de proxeccións e coloquios, neste caso centradas en traballos de profesionais saídos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra:as curtametraxes A meca dos cines, de Dunia Alvarez Prieto; La mujer invisible, de Noemi Chantada; e Brotes, de Jorge Fernández; e a longametraxe A estación violenta, de Anxos Fazáns.
 
Pola súa banda, a experta en marketing audiovisual Elena Mera Dios, de Treeline Distribution, foi a encargada de impartir hoxe a conferencia de clausura Como se comercializa un produto audiovisual?, a través da que compartiu cos asistentes a súa experienciana venda internacional, produción executiva e consultoría.