A Xunta e Xerais editan os textos gañadores dos últimos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María de Literatura Dramática

  As edicións de 2018 destes galardóns da Agadic recaeron respectivamente en AveLina Pérez, con ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’, e Paula Carballeira, con ‘Somos os monstros’

  As obras acaban de ser publicadas na colección Biblioteca Dramática Galega

A Xunta e Xerais editan os textos gañadores dos últimos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María de Literatura Dramática
[30/04/2019]
A Xunta e Edicións Xerais acaban de publicar en réxime de coedición os dous títulos galardoados cos últimos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro e Manuel María, As oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez, e Somos os monstros, de Paula Carballeira, respectivamente.
Ambos os textos fan os números 24 e 25 da colección Biblioteca Dramática Galega, a través da que ven a luz todas as obras recoñecidas cos devanditos galardóns da Consellería de Cultura e Turismo, convocados a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Os dous atópanse xa dispoñibles tanto na Libraría Institucional da Xunta de Galicia como nas canles de venda habituais de Edicións Xerais.
 
En 2018, AveLina Pérez foi a gañadora do XXIV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes da escrita dramática en galego. Pola súa banda, Paula Carballeira alzouse co X Manuel María de literatura dramática infantil, mentres que o XIII Barriga Verde de textos para monicreques foi declarado deserto nas súas dúas modalidades (público adulto e infantil).
 
Visión irónica do teatro
Segundo a propia autora, Ás oito da tarde, cando morren as nais “achega un canto coral sustentado no absoluto baleiro”, premisa a partir da cal explota as posibilidades do xogo escénico desde unha concepción aberta do espazo e cunha ollada irónica sobre a relación entre o teatro e o seu público.
 
O funcionamento coral e musical das súas personaxes xa fora destacado polo xurado dos premios, que subliñara tamén a soltura rítmica, a fluidez dos diálogos e a coherencia dramatúrxica do texto, “que consegue trasladar o foco da escena cara ás butacas cunha temática autocrítica e metateatral, e un estilo de gran forza expresiva cheo de humor e de crítica sociolóxica”.
 
Con Ás oito da tarde, cando morren as nais, AveLina Pérez súmase á destacada listaxe de autores galardoados desde 1988 co Álvaro Cunqueiro, ao tempo que incorpora este á súa listaxe de recoñecementos como autora teatral. Entre eles, por exemplo, o premio Abrente de textos teatrais 2018 por O día no que bicar a terra e varios premios de dramaturxia breve e radio teatro.
 
Titulada en Dirección de Escena e Dramaturxia pola Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e formada en interpretación na escola Santart, dirixe a compañía Teatro do Lume e reconduce o seu traballo cara a un novo proxecto de creación baixo o seu propio nome. Directora, dramaturga e actriz das pezas VaguedásA que non podes dicir cocacolaReconvertindo espazos (cocreadora), Gañaremos o pan coa suor da túa fronteHoney Rose e Os cans non comprenden a Kandinsky, actualmente está a representar a súa última produción (Deixa de tocala, Sam) xunto ao pianista Velpister.
 
Literatura para o público infantil e xuvenil
Pola súa banda, a obra Somos os monstros valeulle a Paula Carballeira o seu terceiro Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que xa obtivera na súa primeira convocatoria en 2006 con Boas noites e en 2011 con O refugallo.
 
Na súa edición en papel, o texto acompáñase das ilustracións de Ignacio Hernández para abordar o mundo dos monstros, que –en palabras da autora– “ás veces, moitas veces, non son moi diferentes de nós cando nos miramos no espello”. O xurado destacou desta obra a súa “boa carpintaría dramática, que posibilita un xogo escénico moi dinámico no que se pode aproveitar moi ben o espazo e o tempo teatral, moi na liña dos xogos infantís”. Así, os seus personaxes, situacións e diálogos semellan de debuxo sinxelo, mais logran transmitir un universo simbólico suxestivo e interesante para o lector infantil e adolescente.
 
Paula Carballeira dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral dende hai máis de vinte anos e é autora de numerosos libros, principalmente de literatura infantil e xuvenil: os devanditos O refugallo Boas noitesPacoCorreo urxenteSmaraA burra Ramona ou Misterios, citando só algúns dos seus títulos premiados.Membro da compañía Berrobambán dende 1996, a súa traxectoria como directora e actriz desenvólvese tamén en proxectos escénicos doutras compañías. Participou como convidada en destacados festivais de narración oral, tanto a nivel estatal como internacional, ademais de traballar en diferentes series e espazos da TVG.