Novas
A curtametraxe 'Luz de contra' do alumnado do CeMAC estréase na Casa das Campás de Pontevedra



[02/05/2019]
A Casa das Campás de Pontevedra acolleu esta tarde a estrea da curtametraxe Luz de contra, realizada por alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (UVigo). A fita foi gravada durante a pasada edición do Curso de Medios Audiovisuais (CeMAC), que como cada verán organizan en Celanova a Fundación Carlos Casares e a Vicerreitoría do Campus de Ourense coa colaboración, entre outras entidades, da Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).Ana Campos dirixiu e guionizou esta curta, para a que contou nas interpretacións con Cris Iglesias, Xavier Estévez e Alicia Armenteros, tres coñecidas caras do audiovisual galego. O equipo da rodaxe estivo composto por 18 estudantes do taller Celanova, plató de ficción, que o profesor Paulino Pérez coordina dentro do CeMAC.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou o equipo nesta estrea, á que tamén asistiron Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra; Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e o profesor Paulino Pérez, quen tamén é o produtor executivo da curta.
A soidade é o eixo temático desta curtametraxe, que toma como punto de partida a novela O sol do verán, de Carlos Casares. Non se trata, porén, dunha adaptación literal da obra, senón que o alumnado intentou trasladar a súa esencia á estética da imaxe, da dirección de arte e, mesmo tamén, na dirección de actores para recrear escenas do libro, ademais de atribuírlle certas referencias do autor a esta historia.
Luz de contra, que se proxectou canda o seu making-of, tamén deixa constancia da aposta do Curso de Medios Audiovisuais pola participación de mulleres no seu taller, incidindo especialmente na súa incorporación a postos de carácter máis técnico, onde adoira haber menor representación feminina.
-CeMAC