Novas
Ourense acolle a filmación da longametraxe de Matriuska Producións 'Que fixemos mal'


[14/05/2019]
O equipo da película Que fixemos mal? continúa a súa rodaxe en Galicia, con localizacións no Courel, Vigo e Ourense. Na capital da provincia ourensá fílmanse estes días diferentes escenas da primeira longametraxe da directora catalá Liliana Torres, producida pola compañía pontevedresa Matriuska co apoio económico da Xunta de Galicia.O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación deste proxecto, nun encontro informativo que tivo lugar no emblemático Café Latino, un dos escenarios da rodaxe. No acto participaron tamén o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, o produtor Daniel Froiz, a directora e protagonista, Liliana Torres, e Xúlio Abonjo, un dos actores galegos que integran o elenco xunto con Melania Cruz ou Jorge Roldán, entre outros.
A rodaxe arrancou o pasado 29 de abril en Seoane do Courel e desenvolveuse tamén en Barbadás e no aeroporto vigués de Peinador, entre outros lugares. Trala súa estadía en Galicia, o equipo continuará a gravación a partir de setembro ata finais de ano en Barcelona, Cidade de México e Verona (Italia).
Na súa intervención, o director da Agadic valorou de xeito moi positivo o desenvolvemento deste novo proxecto audiovisual galego, “que avanza —dixo— dun xeito firme no camiño da súa distribución internacional, dándolle forma ademais a un guión que está a ser rodado en catro idiomas”. Tamén fixo referencia á calidade da nómina de profesionais dos ámbitos artístico e técnico: “un equipo no que se atopan moitos nomes galegos coñecidos e recoñecidos, e cuxo traballo estes días está a dinamizar os recursos da nosa industria audiovisual”, expresou.
Que fixemos mal?,rodada en galego, castelán, italiano e inglés, está coproducida pola distribuidora independente Avalon e a produtora barcelonesa Miss Wasabi, da que é presidenta Isabel Coixet. Conta tamén con participación de Televisión de Galicia (TVG) e de Televisión Española (TVE).
A fita é a historia dunha ficción construída sobre unha realidade: a da reflexión sobre os erros cometidos na vida co tema central das relacións e das crises de parella.