O director da Agadic participa na presentación da carteleira musical e gastronómica do festival PortAmérica 2019

O director da Agadic participa na presentación da carteleira musical e gastronómica do festival PortAmérica 2019
[14/05/2019]
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe en Pontevedra na presentación da vindeira edición de PortAmérica, que se desenvolverá en Caldas de Reis do 4 ao 6 de xullo cunha ampla carteleira de concertos de diversos estilos e con demostracións gastronómicas a cargo de recoñecidos chefs como actividades centrais. A empresa galega Esmerarte, organizadora do evento, reuniu os seus principais patrocinadores e colaboradores para dar a coñecer o programa completo do festival, no que actuarán máis de trinta bandas, entre elas Madness, Andrés Calamaro, Rozalén, Carlos Sadness, Depedro, Amaia, Carolina Durante, Zahara, Elefantes, Presumido ou Mon Laferte.

PortAmérica formou parte do lanzamento da marca FEST Galicia, promovida pola Xunta para impulsar os principais festivais galegos de música de xeito sostible e socialmente responsable. Así o lembrou no acto o director da Agadic, quen incidiu nas posibilidades estratéxicas do binomio cultura-turismo que se dan cita neste tipo de encontros. Apuntou, neste sentido, o impacto de máis de 1,3 millóns de euros en toda a comarca que rexistrou PortAmérica 2018.

-Web de PortAmérica