Fefa Noia comunícalle ao Consello Reitor da Agadic que deixará a Dirección do Centro Dramático Galego no mes de outubro

  Acordouse a convocatoria inmediata dun proceso selectivo para a cobertura da praza de coordinación do Departamento de Produción Teatral, que conleva a dirección artística da compañía pública e a xestión do Salón Teatro

Fefa Noia comunícalle ao Consello Reitor da Agadic que deixará a Dirección do Centro Dramático Galego no mes de outubro
[28/05/2019]
A directora do Centro Dramático Galego (CDG), Fefa Noia, comunicoulle hoxe oficialmente ao Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) que deixará o seu posto no mes de outubro para emprender novos cometidos profesionais. O máximo órgano directivo da entidade, presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, agradeceulle a Noia todo o traballo realizado nos últimos catro anos e desexoulle o maior éxito nos seus proxectos futuros.

Na súa reunión desta mañá, o Consello Reitor acordou tamén a inmediata posta en marcha dun procedemento público de selección cara á provisión da praza de coordinador ou coordinadora do Departamento de Produción Teatral da Agadic, que conleva, entre outras funcións, a dirección da compañía teatral pública e a planificación da actividade da súa sede escénica, o Salón Teatro de Santiago de Compostela. O posto quedará vacante a partir do 1 de outubro, data na que será efectiva a saída da actual directora.
 
Fefa Noia incorporouse ao CDG en xaneiro de 2016, despois de superar a correspondente convocatoria pública de acceso, resolta en decembro de 2015. Durante a súa etapa, a compañía institucional acometeu a produción propia de catro espectáculos: Tartufo, de Molière, con dirección de Carles Alfaro; Martes de Carnaval (integrado polas pezas As galas do defunto e A filla do capitán), de Valle-Inclán, con dirección de Marta Pazos; Divinas Palabras Revolution, tamén de Valle-Inclán, con dirección de Xron; e o que está actualmente en xira: Neorretranca e posmorriña, de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte, baixo a dirección de Gena Baamonde.
 
A súa xestión estivo presidida pola atención á dramaturxia galega actual, na que centrou o programa de difusión e apoio Dramaturxente (integrado polas liñas de acción DramaturXa ou TeatrHoxe, entre outras), a reactivación das residencias técnicas e artísticas no Salón Teatro para dar servizo ás compañías privadas e o impulso ao plan de coproducións, fórmula pola que o CDG contribuíu neste tempo á materialización  doutras doce montaxes. Tamén incidiu no teatro familiar, incrementou a actividade formativa para escolares e para profesionais do sector, retomou a edición de textos teatrais e puxo en marcha iniciativas de conciliación, así como funcións inclusivas, xornadas de portas abertas e encontros para a conversa entre os equipos artísticos e o público.