A Xunta destina 460.000 euros a subvencionar a exhibición e a promoción exterior das artes escénicas e da música de Galicia

  O DOG publica hoxe a convocatoria das axudas ás actividades de distribución para industrias culturais, que aumentan 10.000 euros a súa dotación respecto a 2018

  A través delas, o ano pasado apoiouse a presenza dos nosos artistas e produtos culturais en diferentes localidades españolas e doutros 23 países

A Xunta destina 460.000 euros a subvencionar a exhibición e a promoción exterior das artes escénicas e da música de Galicia
[29/05/2019]
A Consellería de Cultura e Turismo destina 460.000 euros á nova convocatoria de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para as actividades de distribución neste sector, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta cifra supón un aumento de 10.000 euros na dotación destas axudas respecto a 2018, seguindo así a liña ascendente que vén mantendo nos últimos anos.

A través deste programa de apoio, a Xunta contribúe á distribución de espectáculos galegos profesionais, así como á promoción dos nosos artistas e produtos culturais en mercados e feiras de carácter internacional. A súa finalidade é favorecer a proxección exterior das industrias culturais galegas, cofinanciando os gastos que asumen as empresas á hora de buscar unha maior difusión do seu traballo.
 
Neste sentido, as axudas de 2018 destináronse a apoiar odesenvolvemento de 538 concertos, actuacións escénicas e accións de promoción en diferentes localidades españolas e doutros 23 países. Colaborouse, ademais, coas xiras de sete compañías escénicas galegas pola nosa Comunidade, subvencionándose 81 funcións en 40 localidades.
 
O prazo de solicitude desta convocatoria, inserida dentro do programa xeral de axudas da Agadic ás industrias culturais, esténdese desde mañá e ata o vindeiro 31 de xullo para aquelas actividades desenvolvidas entre o 1 de novembro de 2018 e o 31 de outubro de 2019. A súa concesión é automática e realízase por orde de entrada, atendendo todas aquelas solicitudes que reúnan os requisitos esixidos ata finalizar o prazo ou, no seu caso, ata o esgotamento do orzamento de 460.000 euros.
 
Reformulación das modalidades
Como novidade este ano, modifícase a clasificación destas subvencións para establecer dúas grandes modalidades, artes escénicas e música, entre as que se distribúe o orzamento ao 50%. Ambas inclúen subcategorías destinadas a actividades desenvolvidas fóra de Galicia: distribución de espectáculos, actuacións en feiras e festivais, e asistencia a feiras e mercados culturais, mentres que a de artes escénicas dispón dunha cuarta submodalidade destinada a apoiar xiras dentro da nosa Comunidade.
 
Neste último caso, as axudas diríxense a representacións que se desenvolvan en espazos que non pertenzan á Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto cofinaciado pola Xunta e as entidades xestoras de máis de 40 escenarios asociados. Deste xeito, búscase favorecer unha maior descentralización da oferta escénica en Galicia para chegar ao maior número posible de cidadáns.

-Máis información