Comeza a rodaxe en Vigo da serie galego-portuguesa 'Auga seca' co apoio económico da Consellería de Cultura e Turismo

  Portocabo encabeza esta coprodución xunto á empresa lusa SP-i, para a que conta cunha axuda de 260.000 euros a través das subvencións da Agadic ao audiovisual

  A TVG e a RPT emitirán este ‘thriller’ sobre o tráfico de armas, protagonizado pola portuguesa Victoria Guerra e os galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, que mobilizará un equipo de máis de 150 profesionais entre Galicia e Lisboa

Comeza a rodaxe en Vigo da serie galego-portuguesa 'Auga seca' co apoio económico da Consellería de Cultura e Turismo
[03/06/2019]
O Real Club Náutico de Vigo foi hoxe o escenario da presentación da serie galego-portuguesa Auga seca, que está a iniciar na comarca viguesa unha rodaxe que se estenderá tamén a Lisboa. A produtora galega Portocabo encabeza esta coprodución xunto á empresa lusa SP-i, para a que conta co apoio económico da Xunta a través do programa de subvencións da Consellería de Cultura e Turismo ao sector audiovisual.

Como explicou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Audiovisuais (Agadic), o proxecto foi adxudicatario en 2017 de 260.000 euros na convocatoria de axudas a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, na modalidade de longametraxes, series e miniseries de televisión. Así o especificou na presentación desta rodaxe, na que interveu xunto ao delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves; Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo, e José Amaral, de SP-i, e aos representantes doutras das entidades colaboradoras, como a TVG e a RTP portuguesa, a través das que a serie chegará ao público de ambos os países.
 
Para o responsable da Agadic, resulta moi gratificante comprobar como, segundo xa se comprobou no último mercado Mipcom de Cannes, esta coprodución foi medrando en forma e contido nos últimos meses. Así, a alianza entre Portocabo e a recoñecida produtora televisiva lusa SP-i, xunto coa integración da TVG e a RTP, dálle continuidade ao “magnífico modelo de traballo transfronteirizo do exitoso proxecto anterior de Portocabo, Vidago Palace, e ao avance das relacións audiovisuais entre Galicia e Portugal”, continuou.
 
Sutil fixo fincapé en que, segundo os datos que manexa a produtora, a rodaxe de Auga seca reunirá máis de 150 profesionais, entre técnicos e intérpretes, así como máis de 300 figurantes durante a súa gravación en localizacións moi identificables tanto de Vigo e a súa comarca, como de Lisboa.
 
Trío protagonista
Na presentación participaron, así mesmo, a actriz portuguesa Victoria Guerra e os actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, trío protagonista deste thriller arredor do tráfico de armas e do crime organizado, fortemente conectado á realidade e á época actual. Neste contexto, a historia comeza cando Teresa regresa a Vigo desde Lisboa para pescudar a verdade sobre o suposto suicidio do seu irmán, ao tempo que a investigación policial terá que desentrañar unha rede delituosa acostumada a agocharse baixo unha legalidade aparentemente perfecta.
 
Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e João Arrais tamén forman parte do elenco desta nova serie, que contará con seis episodios de 50 minutos cada un. Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de Alfonso Blanco, quen tamén asina o argumento xunto con Pepe Coira, Araceli Gonda, José Rubio, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez. No guión traballan Lidia Fraga, Carlota Dans, José Rubio e Eligio Montero, a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte, de Andrea Pozo, e a música, de Elba Fernández e Xavi Font.

-Portocabo