GalicianTunes On Tour presenta os directos de Davide Salvado e Fernando Barroso no evento profesional de música SoL Madrid

  Actúan este sábado no Impact Hub Piamonte madrileño, grazas ao acordo asinado entre a organización e a Xunta para garantir a presenza de Galicia neste exclusivo encontro internacional arredor do negocio da música

GalicianTunes On Tour presenta os directos de Davide Salvado e Fernando Barroso no evento profesional de música SoL Madrid
[06/06/2019]
Os galegos Davide Salvado e Fernando Barroso actúan este sábado 8 no encontro SoL Madrid, evento profesional arredor do negocio da música que arranca hoxe na capital de España. Ambos ofrecerán cadanseu showcase no Impact Hub Piamonte, onde se presentarán baixo a marca GalicianTunes On Tour diante dun exclusivo grupo de programadores de festivais, axencias de contratación e medios de comunicación de 11 países: Arxentina, Chile, Colombia, Corea, Emiratos Árabes, EE.UU., Holanda, México, Noruega, Reino Unido e Suíza.

A súa participación nesta cita insírese na serie de accións que a Consellería de Cultura e Turismo está a desenvolver baixo o distintivo GalicianTunes On Tour co obxectivo de reforzar a proxección exterior da música de Galicia. Entre elas, a súa presenza en SoL Madrid mediante un acordo asinado entre a organización e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para garantir a inclusión de bandas ou artistas de Galicia no apartado de showcases.
 
Selección de 20 artistas
Definido pola organización como evento boutique, SoL Madrid inaugúrase esta noite no Costello Club e a súa actividade continuará ata o sábado en diferentes espazos da cidade. O seu programa articúlase arredor de tres eixos: reunións de negocios personalizadas entre unha quincena de convidados internacionais e un grupo de empresas de representación e contratación, selos discográficos e servizos para a industria musical; sesións de networking e os concertos promocionais dos 20 artistas e grupos seleccionados tras unha convocatoria para a que se recibiron máis de 400 propostas.
 
Davide Salvado e Fernando Barroso, que actuarán o sábado a partir das 17,00 h., forman parte desta carteleira xunto a outros 14 intérpretes e bandas do resto de España e seis de Arxentina, Corea, Italia, Portugal e Uruguai.


 
No caso de Davide Salvado, os convidados aos showcases terán a oportunidade de se achegar con el á expresión máis pura e carismática da música tradicional galega, froito do seu amplo traballo de investigación recollendo cantares en aldeas e vilas dentro e fóra de Galicia, así como da súa longa traxectoria sobre os escenarios tanto en solitario como xunto a outros coñecidos músicos galegos. En 2019, Salvado está a presentar Amarelo, un novo espectáculo no que reinterpreta cancións tradicionais galegas e doutras partes do mundo, acompañadas dos textos do escritor, guionista e actor Manolo Cortés. Nesta xira, acompáñano en escena Pedro Pascual e Pablo Dalama.
 
Pola súa banda, o multiinstrumentista Fernando Barroso forma parte de diferentes proxectos musicais, mentres continúa presentando en directo os temas do seu segundo traballo discográfico, Silence Lovers Club, xunto a Margarida Mariño ao violoncello. Neste disco, o swing e o jazz mestúranse con aires persas e coa tradición galega, sempre coa mandolina como fío condutor.

-SoL Madrid