A segunda xornada de Galicia Escena PRO aborda os protocolos da exhibición teatral para a infancia e a xuventude no seu primeiro 'Cafescena'

  O mercado galego das artes escénicas, coorganizado pola Consellería de Cultura e Turismo e a asociación Escena Galega, ofrécelles aos asistentes un novo espazo para o encontro e a reflexión no Hotel Costa Vella

  A carteleira de mañá dá conta da ampla variedade artística desta sétima edición, cos espectáculos de Café de las Artes Teatro, AveLina Pérez & Velpister, Hortzmuga Teatroa, Teatro do Atlántico e Diego M. Buceta

A segunda xornada de Galicia Escena PRO aborda os protocolos da exhibición teatral para a infancia e a xuventude no seu primeiro 'Cafescena'
[10/06/2019]
O mercado Galicia Escena PRO desenvolverá mañá a segunda das súas catro xornadas de actividade coa incorporación ao programa dos Cafescena, deseñados co obxectivo de propiciar as conversas e o intercambio profesional entre os máis de 150 axentes culturais inscritos este ano. Esta é unha das novas iniciativas de networking deste evento, que se celebra en Santiago ata o vindeiro xoves 13 baixo a organización da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e a asociación empresarial Escena Galega.

O Hotel Costa Vella será o escenario onde, ás 16,00 h., se lles servirán aos asistentes estes Cafescena, durante os que se abordarán diferentes cuestións que lle afectan directamente ao sector. Baixo o título Os protocolos necesarios para a exhibición de teatro para a infancia e a xuventude, no de mañá analizaranse as prácticas promovidas pola asociación Te Veo, que agrupa compañías de artes escénicas de toda España especializadas nestes públicos. O seu obxectivo é garantir que este tipo de espectáculos cheguen do mellor xeito posible os seus principais destinatarios, tendo en conta cuestións como a limitación da capacidade, a difusión das idades recomendadas, as condicións de recepción, o fomento da contratación ou a colaboración de especialistas que impulsen as relacións teatro-escola e teatro-familia, ademais do traballo de formación de públicos.
 
María Torres, da compañía Elefante Elegante, será a encargada de moderar este primeiro Cafescena, para o que se contará coas achegas de Agustín Lorenzo, do ciclo Todo Público da Coruña; Xacobe Rodríguez, dos Domingos do Principal de Pontevedra, e Andrea Bayer e Artur Trillo, das compañías Baobab Teatro e Talía Teatro, respectivamente, ambas asociadas a Te Veo.
 
Espectáculos abertos ao público
En canto á carteleira de exhibición de espectáculos de Galicia Escena PRO, que como en anos anteriores se abre de xeito gratuíto ao público xeral, a xornada de mañá condensa a ampla variedade de estilos e compañías que conforman a oferta deste sétima edición. A actividade arrancará ás 11,00 h. na Fundación SGAE con El inolvidable viaje de Nana, montaxe de teatro infantil recomendado para idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos. A compañía cántabra Café de las Artes Teatro aborda o ciclo da vida a través da historia dunha futura nai que, durante os nove meses de embarazo, ten a sensación de ter subido a un globo aerostático e camiñar polo aire.
 
Esta formación preséntase en Galicia Escena PRO grazas ao intercambio con Camiño Escena Norte, proxecto promovido polas asociacións profesionais Escena Galega, EscenaAsturias, Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (Acepae) e Eskena do País Vasco para o desenvolvemento de itinerarios culturais compartidos entre as catro comunidades do norte peninsular.
 
Teatro na praza de Cervantes
No marco desta mesma colaboración e tamén mañá, a compañía vasca Hortzmuga Teatroa sorprenderá o público que se achegue ás 17,30 h. á praza de Cervantes, onde representará a súa comedia Femmes, espectáculo de rúa construído como un canto reivindicativo de tres octoxenarias.
 
Antes, ás 12,30 h., terá lugar na Fundación SGAE o pase de Deixa de tocala, Sam, resultado do primeiro encontro escénico entre a creadora AveLina Pérez e o pianista e artista multidiscilinar Velpister. Botando man do humor acedo, esta proposta percorre unha paisaxe humana e moi recoñecible.
 
A xornada de mañá presenta tamén Dúas donas que bailan, última produción de Teatro do Atlántico, unha das compañías históricas da escena profesional galega. Xúlio Lago dirixe esta adaptación da obra de Josep M. Benet i Jornet que levan a escena María Barcala e Mª Ángeles Iglesias na pel de dúas mulleres, de xeracións e procedencias diferentes, unidas polas circunstancias e polos embates da sociedade na que lles toca vivir. Esta montaxe poderá verse ás 19,30 h. no Teatro Principal.
 
A última función de mañá terá lugar ás 22,30 h. no Salón Teatro e correrá a cargo de Diego M. Buceta coa peza de danza contemporánea As vacación máis longas, o seu primeiro traballo en solitario. Con el foi recoñecido co premio á mellor interpretación no Certame M2 da última edición do Festival FIOT de Carballo.
 
Ao igual que hoxe, a xornada rematará na sala Riquela Club cunha novaNoitescena PRO, que ofrece un programa musical sorpresa do que poderán gozar todos os acreditados nesta sétima edición do mercado galego de artes escénicas.

[Na imaxe, Deixa de tocala, Sam, de AveLina Pérez & Velpister]

-Galicia Escena PRO