O audiovisual galego protagoniza unha das sesions do Festival de Cine de Edimburgo cunha selección de 'Shorts from Galicia'

  A Consellería de Cultura e Turismo apoia economicamente a presenza galega neste certame internacional, onde o vindeiro día 25 se exhibirá unha escolma de seis títulos procedentes do catálogo de curtametraxes editado anualmente pola Xunta

  As realizadoras Sandra Sánchez, Diana Toucedo e Jaione Camborda presentarán as súas respectivas curtas, que son estrea absoluta no Reino Unido e se proxectarán xunto ás de Álvaro Gago, Santos Díaz e Lois Patiño

O audiovisual galego protagoniza unha das sesions do Festival de Cine de Edimburgo cunha selección de 'Shorts from Galicia'
[18/06/2019]
As curtametraxes galegas serán obxecto dunha das sesións do Edinburgh International Film Festival, que arranca mañá na capital escocesa. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), apoia esta presenza galega en Edimburgo, onde o vindeiro día 25 se proxectará unha escolma de seis curtas procedentes das últimas entregas do catálogo Shorts from Galicia, editado anualmente pola Xunta co obxectivo de difundir o talento galego neste ámbito cinematográfico.

Segundo indica o programa do propio festival, esta selección achegaralle ao público escocés una mostra de filmes xa exhibidos e mesmo premiados noutros prestixiosos certames internacionais, que desde a ficción ata o documental, pasando polo experimental, exploran as tradicións, os espazos urbanos e as paisaxes rurais, “demostrando que Galicia está á vangarda do cinema actual”.
 
Na sesión que terá lugar ás 20,45 h. (hora escocesa) na Edinburgh Filmhouse, participarán as directoras Sandra Sánchez, Diana Toucedo e Jaione Camborda para presentar os seus respectivos traballos, que son ademais estrea absoluta no Reino Unido: A nena azul (na imaxe), Homes e Rapa das bestas. As tres compartirán os procesos de realización destes títulos co público da 73ª edición do Festival de Edimburgo, que este ano pon o seu foco nas películas dirixidas por mulleres.
 
A sesión Shorts from Galicia incluirá, así mesmo, Matria, pola que Álvaro Gago recibiu en 2018 o gran premio do xurado do festival de Sundance na categoría de curtametraxes; A liña política, de Santos Díaz, e Fajr, de Lois Patiño.
 
Fundado en 1947, o Edinburgh International Film Festival eríxese como o certame de cinema máis antigo do mundo de todos os celebrados de xeito continuado. Nos últimos tempos, caracterízase fundamentalmente pola súa aposta polos novos talentos cinematográficos e por propoñer foros de debate arredor das novas tendencias do audiovisual.  

-Shorts from Galicia no Festival Internacional de Cine de Edimburgo