A Xunta achégalle 60.000 euros ao Concello de Ribadavia para a celebración da súa 35 Mostra Internacional de Teatro

  Asinouse un convenio polo que a Agadic apoia a continuidade deste evento, que se desenvolverá na vila orurensá do 18 ao 27 de xullo

A Xunta achégalle 60.000 euros ao Concello de Ribadavia para a celebración da súa 35 Mostra Internacional de Teatro
[28/06/2019]
A Consellería de Cultura e Turismo contribúe á celebración da vindeira Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia coa achega de 60.000 euros para a levar a cabo a súa 35ª edición, que se desenvolverá entre o 18 e o 27 de xullo cunha ampla programación escénica e encontros profesionais en distintos escenarios e prazas da vila ourensá.

Este apoio económico quedou formalizado nun convenio asinado entre Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e César M. Fernández Gil, alcalde de Ribadavia, co obxectivo de afondar na promoción e potenciación do sector teatral galego a través da colaboración neste evento, do que se destaca o seu firme compromiso co sector e a súa dimensión popular e educativa.

O texto asinado sinala, así mesmo, a longa traxectoria e o valor da MIT por ter reunido un público fiel (con máis de 17.000 visitantes e unha ocupación media do 95% en cada edición), que atende ás propostas de nomes relevantes do panorama escénico nacional e internacional e ás máis novas creacións galegas. Tamén se fai referencia ao importante foco de atracción e de dinamización socioeconómica que supón o encontro para  toda a comarca.

A nova entrega deste festival, consolidado o catalizador da refundación da escena galega na década dos 70, presenta unha programación especial con motivo do seu 35º aniversario, que renderá homenaxe precisamente aos precursores da mostra, os artífices do teatro independente xurdido en Galicia da man da Asociación Cultural Abrente.

Outros focos de atención da Mostra Internacional de Teatro 2019 serán o teatro documento e o circo contemporáneo español, ao que Ribadavia quere recoñecerlle a súa capacidade de evolución, innovación e absorción interdisciplinar.  Ademais, o deseño do programa busca poñer de manifesto cuestións de interese social de actualidade, como a violencia machista, a liberdade de expresión, os prexuízos raciais ou os conflitos de identidade. Entre as compañías presentes na carteleira están as galegas Voadora, Larraitz Producións, Sincronacidas, Iria Pinheiro ou o grupo Chévere, que estreará Curva España, coprodución coa MIT, o Concello de Teo e Teatros del Canal. De fóra de Galicia chegarán as propostas de Intarsi, Flyhard, Teatro Línea de Sombra, Un Poyo Rojo, Maduixa, Kamikaze ou Olivier de Sagazan, entre moitas outras.

-Web da MIT