A Cidade da Cultura acolle o domingo o IV Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia con case 600 intérpretes

  No encontro participarán as xeracións máis novas de 12 formacións musicais de diferentes puntos de Galicia, ademais da Banda Sinfónica Xuvenil Galega

  O Festival está organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares co apoio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a Agadic

  O certame desenvolverase no Gaiás de 11,00 a 20,30 horas con entrada de balde

A Cidade da Cultura acolle o domingo o IV Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia con case 600 intérpretes
[09/07/2019]
A Cidade da Cultura de Galicia acolle o vindeiro domingo a IV edición do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que arredor de 590 músicos novos, de 13 formacións, interpretarán os repertorios elixidos para a ocasión. O certame incluirá un concerto da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, formada por medio cento de intérpretes pertencentes a diferentes bandas e conservatorios da comunidade e dirixida por Xabier Oliveira Blanco. Para finalizar o certame, todas as formacións interpretarán de xeito conxunto o Himno Galego.

O Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, busca dar a coñecer o traballo que fan as formacións máis novas das bandas de música galegas, coa finalidade de mellorar a visibilidade destas agrupacións, amosando o seu traballo ante o público.
 
O evento tamén se propón fomentar o encontro entre novos intérpretes, establecer vínculos que dean lugar a futuras sinerxías entre bandas, enriquecer a formación das xeracións máis novas e promover a educación na diversidade a través da música como linguaxe universal.
 
Programa da xornada
O festival arrancará ás 11.00 horas no Museo Centro Gaiás, e desenvolverase ao longo de todo o día como unha xornada de convivencia entre os e as participantes –todos e todas menores de 20 anos–, integrantes de 12 bandas (máis a Banda Sinfónica Xuvenil Galega), escollidas por sorteo entre todas as formacións federadas da FGBMP que se presentaron ao proxecto. Cada formación interpretará os repertorios elixidos para a ocasión, que inclúen pezas do máis variado: desde compositores de bandas sonoras como John Williams e Michael Sweeney, de musicais como Andrew Lloyd Weber, ou versións orquestrais de temas de Coldplay ou Walk the Moon. Ademais, os rapaces e rapazas poderán tamén gozar da área de lecer do encontro, que incluirá diversos xogos tradicionais e probas de enxeño.
 
As formacións participantes deste ano serán a Banda da Escola de Música de Ponteledesma (Viladecruces), a Banda Xuvenil da Agrupación Musical do Rosal, a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia, a Banda de Música Infantil de Rubiós (As Neves), a Banda da Escola de Música de Vilaboa, a Banda da Escola de Música de Xinzo (Ponteareas), a Xove Banda de Valga, a Banda de Música Municipal Xuvenil de Agolada e a Banda Xuvenil de Vilatuxe (Silleda), todas elas procedentes da provincia de Pontevedra. Da provincia de Ourense estarán presentes a Banda Xuvenil da Agrupación Musical da Limia e a Banda de Música de Santádega (Coles); mentres que da provincia da Coruña participará a Banda Infantil Sementeira (Narón).
 
Pecha o repertorio de formacións a Banda Sinfónica Xuvenil Galega, recentemente formada a través dunha convocatoria lanzada pola FGBMP a músicos menores de 18 anos e tamén a directores interesados, en virtude da cal foron seleccionados os seus 50 integrantes, pertencentes a 27 bandas e conservatorios.
 
O Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia está organizado pola FGBMP, co apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Fundación Cidade da Cultura.

-Información do evento no web da CdC