A Xunta adxudícalles 340.000 euros a 16 festivais de música a través das axudas da Agadic

  Vive Nigrán, 17º Ribeira Sacra, Castañazo Rock, Fanzine Fest e Melona Fest incorpóranse por primeira vez á listaxe de encontros subvencionados nesta convocatoria, que incrementou en 60.000 euros a súa dotación respecto a 2018

  Tamén reciben apoio económico Revenidas, Festival de la Luz, SonRías Baixas, WOS Festival x SON Estrella Galicia, Resurrection Fest, Sinsal Son Estrella Galicia, PortAmérica, Atlantic Fest, Cantos na Maré, Morrasound Rock e FIV

A Xunta adxudícalles 340.000 euros a 16 festivais de música a través das axudas da Agadic
[19/07/2019]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe no seu web a resolución das subvencións da Xunta a festivais de música, a través da que este ano lles achega 340.000 euros a 16 eventos. Esta cifra supón un incremento de 60.000 euros respecto á dotación reservada en 2018 para a modalidade de música desta convocatoria, dentro da que o pasado luns se resolveron as adxudicacións a oito mostras de artes escénicas.
 

Son cinco os festivais que se incorporan por vez primeira a esta listaxe de beneficiarios: Vive Nigrán (con 15.699 euros), que se celebra hoxe e mañá en Praia América, 17º Ribeira Sacra (con 21.136 euros), que se está a desenvolver tamén esta fin de semana e os vindeiros 26 e 27 de xullo nos concellos de Monforte de Lemos, Sober, Chantada, Castro Caldelas, Ribas de Sil e Nogueira de Ramuín; así como o pasado Castañazo Rock (con 12.091 euros), que tivo lugar o 2 e 3 de novembro de 2018 en Chantada, Fanzine Fest (con 4.100 euros), celebrado o 1, 7 e 8 de decembro do pasado ano na Coruña; e o último Melona Fest (con 3.518 euros), que se atopou co público do 3 ao 6 de abril en Santiago de Compostela.
 
A dotación restante distribúese entre outros 11 festivais, algúns xa celebrados, como o FIV de Vilalba, subvencionado con 22.487 euros; o Resurrection Fest de Viveiro, con 43.254 euros; o PortAmérica de Caldas de Reis, con 34.003 euros;  e o Morrasound Rock de Domaio (Moaña), con 6.383 euros. Por desenvolver as súas vindeiras edicións están o Festival Sinsal SON Estrella Galicia na Illa de San Simón do 25 ao 28 de xullo, cofinanciado pola Agadic con 21.175 euros; o Atlantic Fest, do 26 ao 28 de xullo na Illa de Arousa e que percibirá 26.856 euros, o SonRías Baixas en Bueu do 1 ao 3 agosto, con 26.998 euros; o Revenidas en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) do 9 ao 11 de agosto, con 26.895 euros; o Festival de la Luz en Boimorto (do 6 ao 8 de setembro), con 26.699 euros; o WOS Festival x SON Estrella Galicia en Santiago do 11 ao 15 de setembro, con 24.230 euros; e Cantos na Maré en Pontevedra do 13 ao 15 de setembro, con 21.468 euros.
 
Impulso á profesionalización
A través destas axudas, a Xunta de Galicia busca contribuír á consolidación dun mapa galego de festivais de carácter profesional, así como a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos. De feito, o texto da convocatoria fai especial fincapé na consideración deste tipo festivais como un sector cultural estratéxico para Galicia e no impulso da súa profesionalidade. A concesión das subvencións realízase seguindo o procedemento de concorrencia competitiva, mediante a aplicación do baremo especificado nas bases por parte da comisión de avaliación.
 
Ademais desta liña de axudas, os festivais de música galegos tamén contan co programa de apoio e patrocinio da Xunta a través da marca FEST Galicia, dotada este ano con 350.000 euros e da que forman parte na actualidade 12 eventos: Resurrection, PortAmérica, 17º Ribeira Sacra, Vive Nigrán, Sinsal, Atlantic Fest, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival x Son Estrella Galicia, Cantos na Maré e Caudal Fest.

[Na imaxe, PortAmérica 2019]

-Resolución en PDF