Galicia mostra desde hoxe o mellor da súa tradición musical como territorio convidado na 49ª edición do Festival de Lorient

  O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurou o pavillón da Comunidade no histórico encontro da cultura celta

  O recinto galego acollerá ata o domingo 11 de agosto 55 concertos nos que participarán máis de 300 artistas

  Asistirán tanto músicos de renome como Carlos Núñez ou Mercedes Peón coma outros que están a renovar a nosa tradición musical, como Davide Salvado

Galicia mostra desde hoxe o mellor da súa tradición musical como territorio convidado na 49ª edición do Festival de Lorient
[02/08/2019]
Galicia inaugurou o pavillón no que desde hoxe ata o próximo 11 de agosto se exhibirá unha ampla mostra da oferta cultural, gastronómica e turística da Comunidade no marco da 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, o histórico encontro da cultura celta que este ano celebra o Année de la Galice.

Ao acto asistiron algúns dos máis de 300 artistas que conforman a delegación galega, encabezada polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o presidente do festival, Lisardo Lombardía, ou o delegado do Festival en Galicia, Pablo Seoane. Durante a inauguración, o representante do Goberno galego desexou que a presenza galega neste evento sirva para proxectar a cultura e a identidade da nosa Comunidade coa ollada posta no próximo Xacobeo 21, un evento “que situará a Galicia como epicentro cultural a nivel internacional”.
 
“O que veredes nos próximos días neste pavillón é unha mostra de todo o bo que a cultura galega pode ofrecerlle ao mundo”, lembrou o titular de Cultura e Turismo, que agardou que esta celebración permita “estreitar aínda máis os lazos entre Galicia e Bretaña”.
 
O pavillón de Galicia en Lorient reforzará a promoción da música e a danza galega ao tempo que favorecerá a promoción de Galicia como destino cultural, gastronómico e turístico de cara ao vindeiro Ano Santo. O recinto acollerá 55 concertos nos que participarán máis de 300 artistas.
 
Delegación galega e actividades
O obxectivo é compartir co público asistente ao evento, máis de 750.000 persoas chegadas de todo o mundo durante os nove días de celebración, o amplo abano de formatos, estilos e tendencias que, a partir da música tradicional, percorren sonoridades diversas, ademais de ofrecerlle tamén unha serie de actividades complementarias como obradoiros sobre instrumentos da man do músico Suso Baamonde, cantos de taberna coas voces de Do Fondo da Barra e as charangas de Xacarandaina e Os Sen Son.
 
Como complemento ao programa artístico, Galicia fará gala da súa riqueza gastronómica a través da degustación de produtos típicos, ademais de promocionar a súa calidade como destino, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia.
 
Entre os nomes que integran a delegación galega figuran algúns dos artistas máis internacionais da música galega, como Carlos Núñez, Mercedes Peón ou Milladoiro, xunto con artistas que están a renovar a nosa tradición musical, como Davide Salvado, Aliboria ou Tiruleque, e agrupacións que traballan día a día na súa recuperación, mantemento e difusión.
 
‘Grand Nuit de Galice’
Mañá sábado o pavillón de Galicia acollerá durante a mañá a actuación de Suso Vaaamonde, Os da Porfila, Davide Salvado, mentres que pola tarde será a quenda das agrupacións Alalá e Tolemias así como do concerto inaugural do festexo. Xa o domingo tomarán o relevo Os Sin Son, Tralo Valo e Bouba Pandereteiras.
 
O luns ao serán celebrarase a Grand Nuit de Galice, na que a tradición da nosa Comunidade será protagonista, mentres que o martes terá lugar un obradoiro de baile galego da man de Xacarandaina. O mércores pasarán polo pavillón de Galicia en Lorient Ariel Ninas, Do Fondo da Barra e, xa pola noite, no Espace Marine, actuará o grupo Milladoiro, unha das bandas máis recoñecidas da música galega.
 
O xoves ocupará ese mesmo escenario o gaiteiro galego Carlos Núñez mentres que o venres o prato forte do Festival de Lorient será a actuación do músico Xosé Lois Romero. Xa o sábado, o evento rematará coa actuación da artista Mercedes Peón.