A Xunta coproduce os novos espectáculos de danza de Artestudio, Marta Alonso e Kirenia Martínez

  Os tres proxectos teñen como común denominador o protagonismo feminino, tanto nos equipos artístico como nas temáticas, desde a creación contemporánea

  Hoxe publícase na web da Agadic a adxudicación do anuncio de licitación para a sinatura destes contratos en réxime de coprodución

A Xunta coproduce os novos espectáculos de danza de Artestudio, Marta Alonso e Kirenia Martínez
[05/08/2019]
A Consellería de Cultura e Turismo coproducirá os novos espectáculos de danza Medula de Artestudio, Bailar ahora de Marta Alonso e E-migrantas de Kirenia Martínez. Estes tres proxectos son os beneficiarios da convocatoria publicada en xuño pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co obxectivo de seleccionar os títulos do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego para a temporada 2019-2020.

Segundo a adxudicación publicada hoxe na web da Agadic, a Xunta achegará máis de 50.000 euros a estas montaxes, a través da sinatura de tres contratos en réxime de coprodución polas seguintes contías: 18.000 euros a Artestudio Xestión Cultural, outros 18.000 a Marta Alonso Tejada e 14.392 a Kirenia Celia Martínez Acosta para as súas respectivas propostas. Ademais deste apoio económico, contarán coas instalacións do Centro Coreográfico Galego na Coruña para a súa realización.
 
Os tres espectáculos seleccionados sitúanse no ámbito da danza contemporánea e na exploración de novas linguaxes escénicas, ademais de ter tamén como común denominador o protagonismo feminino tanto na composición dos equipos artísticos como nas temáticas.
 
Propostas femininas
Así, Alba Fernández e Ana Beatriz Pérez asinarán conxuntamente a autoría, coreografía, dirección e espazo escénico de Medula, que Artestudio define como un encontro entre linguaxes e unha mestura dos anos de experiencia e investigación que cada unha das súas creadoras alberga nos seus corpos. Aquí, as calidades do movemento da danza urbana constitúen o texto físico da proposta, que tamén se achegará ao folclore de Cuba, de onde é orixinaria Ana Beatriz Pérez, e ás danzas africanas, como xeito de regresar ás raíces da humanidade, á terra onde habitou a primeira das mulleres.
 
Pola súa banda, Marta Alonso creará e interpretará a peza Bailar ahora baixo a dirección de Victoria P. Miranda, coreógrafa que sobresae polos seus traballos escénicos e adestramentos profesionais 100% físicos. A utilización de elementos da performance sumarase ás vivencias propias no desenvolvemento dunha peza que porá o foco no presente, social e individual, para investigar unha linguaxe humorística e crítica a través da danza.
 
No caso do terceiro proxecto beneficiario, E-migrantas, serán as bailarinas Lisvet Barcia Cabrera e Esther Latorre as que porán en escena esta creación de Kirenia Martínez, responsable tamén da dirección e da coreografía. A finalidade do seu proxecto é dignificar a través da danza as novas xeracións de mulleres que, a pesar de todo o avanzado nos ámbitos laboral, académico e social, aínda se atopan diante dun presente incerto e teñen que enfrontarse á desigualdade no seu día a día.
 
Os tres espectáculos veñen sumarse a outras propostas apoiadas polo programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego na últimas temporadas, como Pink Unicorns, de La Macana; Directo 9, de Pisando Ovos; Corps Sonore, con SóloDos;Son, de Nova Galega de Danza, e Atlántica, de BalletNorte.