Vía Láctea Filmes inicia a rodaxe da película 'Marí Solinha' na ría de Vigo co apoio económico da Xunta

  O director da Agadic participou na presentación da nova longametraxe de Ignacio Vilar, que contará cunha achega da Consellería de Cultura e Turismo superior aos 195.000 euros a través das subvencións á produción e coprodución audiovisual

  Redondela, Cangas e a Illa de Toralla serán as localizacións desta historia protagonizada polas novas actrices Grial Montes e Laura Míguez

Vía Láctea Filmes inicia a rodaxe da película 'Marí Solinha' na ría de Vigo co apoio económico da Xunta
[13/08/2019]
A produtora galega Vía Láctea Filmes presentou hoxe o inicio da rodaxe da súa próxima película, María Solinha, que se desenvolverá do 19 de agosto ao 20 de setembro en diferentes localizacións de Redondela, Cangas e a Illa de Toralla co apoio económico da Xunta de Galicia, entre outras achegas. En concreto, o novo filme do realizador Ignacio Vilar é o adxudicatario de 195.171 euros na última convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais, que a Consellería de Cultura e Educación xestiona anualmente a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Na presentación que tivo lugar este mediodía na lonxa do porto de Cesantes, en Redondela, o director da Agadic, Jacobo Sutil, detallou que este é un dos 17 títulos que recibirán axuda como resultado da convocatoria de 2019, dotada con dous millóns de euros para impulsar a realización de novas producións e coproducións de contido cultural galego para cinema e televisión. Engadiu, ademais, que este investimento suporá mobilizar 5,3 millóns de euros no sector audiovisual como resultado da suma dos orzamentos de todos os proxectos subvencionados.
 
Aposta polos profesionais galegos
María Solinhaé un dos títulos subvencionados na modalidade dirixida a longametraxes de ficción para a gran pantalla, de autoría galega e que contribúan a resaltar a diversidade cinematográfica de Galicia e os recursos creativos, artísticos e técnicos do noso audiovisual, ademais de posuír unha alta capacidade para a súa difusión nacional e internacional. “Non me cabe dúbida de que, como constatou a comisión independente que se encargou de avaliar os proxectos presentados este ano ás subvencións da Agadic, o novo filme de Ignacio Vilar reúne todas estas características, tanto desde o punto de vista do seu valor artístico, como desde o seu compromiso con Galicia, cos profesionais do noso audiovisual e co noso idioma”, sinalou Sutil.
 
O director da Agadic acompañou o director de María Solinha e as actrices Grial Montes e Laura Míguez nesta rolda de prensa, na que tamén participaron os representantes do resto das institucións colaboradoras nesta produción de Vía Láctea Filmes con Televisión de Galicia.
 
Sutil incidiu, ademais, na oportunidade que Ignacio Vilar lles ofrece en cada novo proxecto ás novas xeracións galegas de intérpretes, como é o caso de Grial Montes –no papel da María Solinha do século XXI– e de Laura Míguez, á cabeza dun elenco do que tamén forman parte Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán “Morris”, Sheyla Fariñas, Fernando González, Alfonso Agra, Mela Casal, Fran Lareu, Melania Cruz e Jorge Varandela.
 
A nova historia que Vía Láctea Filmes levará á gran pantalla arranca cando un afamado director de teatro chega a Cangas para reconstruír a lenda de María Solinha, unha viúva rica acusada de bruxería pola Inquisición a principios do século XVII. Os seus intérpretes serán os propios veciños da comarca, que se embarcan nesta aventura con paixón. Mais o teatro e a realidade comezarán a mesturarse de tal maneira que as protagonistas chegarán a experimentar nas súas carnes os ecos da agresión que sufriu a María Solinha orixinal.
 
-Vía Láctea Filmes