A Xunta contrib˙e ß celebraciˇn do 30║ aniversario do Fetega do Carballi˝o a travÚs das axudas a festivais de artes escÚnicas

  O director da Agadic participou na presentación da programación que o Festival de Teatro Galego desenvolverá do 2 ao 6 de setembro

  Inclúe unha ducia de citas con destacadas compañías galegas, ademais de monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena

A Xunta contrib˙e ß celebraciˇn do 30║ aniversario do Fetega do Carballi˝o a travÚs das axudas a festivais de artes escÚnicas
[22/08/2019]
O Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño anunciou hoxe a programación da súa trixésima edición, para a que conta co apoio económico da Xunta de Galicia. Unha ducia de compañías de teatro e novo circo danlle forma ao cartel deste ano, que se despregará en diferentes espazos da localidade do 2 ao 6 de setembro e inclúe, así mesmo, actividades paralelas como monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na presentación que tivo lugar este mediodía en Ourense xunto cos representantes do resto das entidades colaboradoras e da organización do certame (Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense; Francisco Fumega, alcalde do Carballiño; Manuel Carballeda, de Empresa Montañesa; e Josi Lage, directora do Fetega), así como das compañías programadas neste 30º aniversario. Alí explicou que este ano o Fetega recibe unha axuda de 15.000 euros como unha das oito mostras galegas adxudicatarias da última convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura e Turismo a festivais profesionais de artes escénicas, dotada con 190.000 euros.
 
Homenaxe a Celso Parada
Sutil comezou a súa intervención cunha palabras de lembranza ao actor e director teatral Celso Parada, recentemente falecido, a quen a dirección do encontro carballiñés rende homenaxe rebautizándoo como Festival de Teatro Galego Celso Parada. “Un máis que merecido recoñecemento á súa pegada como referente da profesión teatral galega coa súa compañía, Teatro do Morcego, ademais de como actor de cinema e televisión que nos deixou moitas interpretacións inesquecibles”, sinalou.
 
En referencia ao cartel do 30º Fetega, o director da Agadic felicitou a Josi Lage, quen anunciou que este é o seu último ano á fronte da organización, e destacou o labor deste certame como abandeirado na difusión e posta en valor das nosas artes escénicas e tamén como dinamizador cultural na súa comarca. Cinco compañías conforman a programación que acollerá o Auditorio Municipal (Iria Pinheiro con Anatomía dunha serea o 2 de setembro, Contraproducións con Compañeira de piso o día 3, Chévere con Curva España o día 4, Redrum Teatro con Idiota o día 5 e Enconarte Producións con Monstuación o día 6), ás que se suma a actividade no anfiteatro da Veracruz con varios espectáculos de novo circo, clown e maxia a cargo de ÍO, Dani García, PT Excéntricas, Asacocirco e Sue Moreno, e mais na Casa da Cultura con Raquel Queizás e os monólogos cómicos.
 
Como en anos anteriores, o programa complétase cunha serie de actividades paralelas, entre as que se atopan pasarrúas diarios, dous obradoiros interpretativos con Fernando Tato e Nekane Fernandez e un coloquio baixo o título Arte con nome de muller. A escritora Inma López Silva será a encarga de moderar esta mesa redonda, que terá llugar o día 6 e para a que se contará coa participación da directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, das actrices Belén Constela e Iolanda Muíños, da escenógrafa e iluminadora Silvia Penas, da dramaturga Vanesa Sotelo e da directora de escena Ánxeles Cuña.
 
A trixésima edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño pecharase na noite do venres coa gala de entrega dos premios Dorotea Bárcena, que será presentada pola directora e actriz Marián Bañobre no Auditorio Municipal.

-Fetega