O ciclo da Xunta 'Danza 3' remata esta fin de semana en Sanxenxo e Allariz tras 12 citas co baile e a música tradicionais

  As últimas actuacións corren a cargo da agrupación coruñesa Xacarandaina, mañá ás 21,00 h. no Paseo Marítimo de Sanxenxo, e da viguesa O Fiadeiro, o domingo ás 12,00 h. na parroquia allaricense de Santa Mariña de Augas Santas

  Cultura e Turismo organiza este programa xunto ao colectivo XOC, do que tamén forma parte Cantigas e Agarimos, e en colaboración cos municipios participantes

O ciclo da Xunta 'Danza 3' remata esta fin de semana en Sanxenxo e Allariz tras 12 citas co baile e a música tradicionais
[23/08/2019]
O ciclo Danza 3, promovido pola Xunta de Galicia para a difusión do baile e a música tradicionais, pechará esta fin de semana a súa sétima edición tras ter ofrecido 12 actuacións noutros tantos concellos a cargo das tres agrupacións do colectivo XOC que impulsan o programa: Cantigas e Agarimos de Santiago, O Fiadeiro de Vigo e Xacarandaina da Coruña.

Sanxenxo e Allariz acollerán as dúas últimas citas desta iniciativa, organizada a través da Consellería de Cultura e Turismo en colaboración cos municipios nos que se vén desenvolvendo desde o pasado mes de maio e entre os que se atopan tamén Noia, Ribeira, Castrelo de Miño, A Estrada, Redondela, Oroso, Marín, Mondoñedo, A Cañiza e Portomarín.
 
En concreto, o Paseo Marítimo de Sanxenxo será mañá sábado, ás 21,00 h., o escenario dun espectáculo de danza tradicional a cargo de Xacarandaina, que regresa a Galicia tras o éxito da súa participación a primeiros de mes no Festival Intercéltico de Lorient, histórico encontro francés da música celta que este ano contou cunha ampla representación galega para celebrar, co apoio da Xunta, o seu Année de la Galice.
 
Pola súa banda, o Grupo de Gaitas da agrupación O Fiadeiro estará este domingo, ás 12,00 h. na parroquia allaricense de Santa Mariña de Augas Santas para actuar no marco do X Encontro de Cesteiros.
 
Complétase así o calendario de 12 citas –nove centradas na danza e outras tres na música– a través das que se exhibiu a pé de rúa unha mostra do amplo repertorio do folclore galego, buscando ademais implicar os viandantes en cada un dos espectáculos.
 
Coa edición de 2019 de Danza 3, colabórase por sétimo ano consecutivo co colectivo XOC, integrado por estas tres asociacións culturais que traballan para lle dar visibilidade á nosa danza e á nosa música tradicionais, tanto a través das actividades de exhibición que realizan dentro e fóra das súas sedes como dos cursos de formación e do seu labor de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial galego.