A Xunta contribúe á celebración do 15º aniversario de Cantos na Maré coa súa incorporación á marca FEST Galicia

  O conselleiro de Cultura e Turismo participou hoxe na presentación do evento pontevedrés, que o Goberno autonómico tamén apoia a través das axudas a festivais mediante unha achega de preto de 21.500 euros na convocatoria de 2019

  Mediante FEST Galicia tamén se lle dará soporte ás pulseiras de acceso e ao escenario principal, onde actuarán Mayra Andrade e as integrantes do proxecto Enredadas (Martirio, Uxía, Carmen París e Ugia Pedreira)

A Xunta contribúe á celebración do 15º aniversario de Cantos na Maré coa súa incorporación á marca FEST Galicia
[30/08/2019]
A Xunta súmase á celebración do 15º aniversario do festival Cantos na Maré, que se celebra do 13 ao 15 de setembro en Pontevedra cun dobre apoio por parte da Consellería de Cultura e Turismo. Segundo explicou hoxe o conselleiro Román Rodríguez na presentación do evento, esta achega da Administración autonómica materialízase a través das subvencións a festivais de música e da marca FEST Galicia, mediante a que se está a promover o territorio galego como destino musical con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social.

O titular de Cultura e Turismo acompañou a cantante Uxía, directora artística do festival, e a Vítor Belho, responsable da empresa organizadora, Nordesía, no acto no que se deron a coñecer os detalles desta décimo quinta edición e no que tamén participaron Carme da Silva, concelleira de Festas de Pontevedra, e José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra. Na súa intervención, Román Rodríguez felicitounos por este aniversario, ao tempo que incidiu en que este ano Cantos na Maré é, xunto co Caudal Fest de Lugo, unha das novas incorporacións da segunda temporada de FEST Galicia, na que se integran 12 festivais das catro provincias.
 
Reforzo do apoio económico
Lembrou, ademais, que con esta iniciativa a Xunta convértese na principal patrocinadora do evento, xa que vén reforzar o apoio económico que xa se lle viña prestando a través do programa anual de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais profesionais de música. No caso de Cantos na Maré, resultou beneficiario de preto de 21.500 euros como un dos 16 adxudicatarios da convocatoria de 2019, dotada de 340.000 euros.
 
En canto a FEST Galicia, Román Rodríguez explicou que se trata dunha iniciativa consensuada co sector e na que participan de xeito transversal diferentes departamentos autonómicos, baixo a coordinación da Consellería de Cultura e Turismo.  Ademais da achega económica por esta vía de patrocinio, dotada de 350.000 euros para os festivais asociados (Resurrection Fest, PortAmérica, 17º Ribeira Sacra, Vive Nigrán, Sinsal, Atlantic Fest, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival e Caudal FEST, ademais de Cantos na Maré), a Xunta tamén desenvolve nestas citas unha serie de accións de sensibilización social e medioambiental.
 
Con este fin, FEST Galicia contará no festival cun espazo propio de promoción, que funcionará como epicentro de varias campañas impulsadas polaConsellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo.
 
Alí, por exemplo,persoal especializado lles transmitirá aos asistentes a importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente. Neste sentido, Medio Ambiente elaborou un Manual de eventos sustentablesno que se reflicten medidas para ter en conta a Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: fomento do uso do transporte público e compartido, consumo de produtos alimenticios locais, ecolóxicos e de comercio xusto, e optimización do uso de auga e enerxía, reducindo o consumo eléctrico e promovendo a utilización de enerxías alternativas.
 
FEST Galicia, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística,contará ademais con dúas actividades para promover o usoda lingua galega. Dunha banda, o comunicador Víctor Grande animará a mocidade a que achegue as súas ideas sobre actuacións dedinamización do galego, e doutra, levarase a cabo o concurso Pasa a palabra no que os participantes poderán divertirse adiviñando verbas en galego e, con cada acerto, terán a oportunidade de facerse con diferentes regalos.
 
Cantos na Maré acollerá tamén a campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual da Secretaría Xeral da Igualdade, na que se difundirá o Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber para informar sobre como actuar en caso de agresións, ao tempo que se instalarán tótems coas mensaxes da campaña. Desenvolverase, asemade, o obradoiro Machismos Off, no que se identificarán condutas machistas que asumimos como habituais e ás que se lle dará visibilidade nun encerado como primeiro paso para loitar contra elas. Tamén se comentarán en redes sociais coas etiquetas#MachismosOFF e #FestGalicia2019.
 
En feminino
Así mesmo, a marca da Xunta daralle soporte ás pulseiras de acceso ao festival e aoescenario principal situado no Auditorio do Pazo da Cultura, onde o sábado 14 actuará a caboverdiana Mayra Andrade e o domingo 15 poderá verse a proposta colectiva Enredadas con Uxía, Martirio, Carmen París e Ugía Pedreira.
 
Nesta edición, o festival Cantos Na Maré volve apostar na exploración da lingua como liña de conexión entre Galicia e a Lusofonía, ao tempo que impulsa tamén a gastronomía, a narración oral e a danza, e suma escenarios no Museo de Pontevedra, no Teatro Principal e na Praza da Pedreira.

-FEST Galicia
-Cantos na Maré