A Xunta abre o proceso de selección para a coordinación do Departamento de Produción Teatral da Agadic

  O DOG publica hoxe a convocatoria para a cobertura do posto que ocupa ata outubro Fefa Noia e que ten, entre outros cometidos, a dirección artística do Centro Dramático Galego e a xestión do Salón Teatro

  O prazo de solicitude estará aberto ata o 27 de setembro

A Xunta abre o proceso de selección para a coordinación do Departamento de Produción Teatral da Agadic
[30/08/2019]
A Xunta acaba de poñer en marcha o procedemento público para a provisión do posto de Coordinación do Departamento de Produción Teatral da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que inclúe a dirección artística do Centro Dramático Galego (CDG) e a xestión do Salón Teatro de Santiago de Compostela.

Coa publicación das bases desta convocatoria hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), a Consellería de Cultura e Turismo busca axilizar o proceso para a cobertura da vacante que deixará a actual directora do CDG, Fefa Noia, despois de que esta lle comunicara ao Consello Reitor da Agadic a súa marcha a primeiros de outubro para emprender novos cometidos profesionais.
 
Entre as tarefas encomendadas a este posto de persoal directivo, están as de exercer a dirección artística do Centro Dramático Galego; dirixir, coordinar e planificar o persoal e a actividade do Salón Teatro; propoñer o plan de programación anual do Centro Dramático Galego e da súa sede; e elixir as compañías artísticas e/ou produtoras encargadas de cada espectáculo programado.
 
Deberá, así mesmo, impulsar acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos e con cantas institucións públicas e privadas poidan contribuír á consecución dos fins do CDG e desenvolver todas as demais funcións que lle sexan encomendadas pola Dirección da Agadic.
 
As persoas candidatas deberán cumprir os requisitos especificados nas bases, así como achegar en tempo e forma toda a documentación solicitada xunto co modelo de solicitude que figura como anexo ás bases publicadas hoxe no DOG. O prazo de presentación estará aberto ata o vindeiro 27 de setembro.
 
As solicitudes deben dirixirse ao director da Agadic, acompañadas da acreditación dos méritos alegados, un currículo pormenorizado e un proxecto artístico para o CDG, entre outra documentación.

-Máis información