A Xunta fomenta as artes escénicas para público familiar co seu apoio ao VII Festival das Núbebes de Pontevedra

  O director da Agadic participou na presentación do programa de teatro, contos, música e obradoiros que se desenvolverá os días 20, 21, 22, 28 e 29 de setembro

  O certame, especialmente dirixido a bebés e nenos de cero a seis anos, foi beneficiario da liña de subvencións da Agadic a festivais escénicos

A Xunta fomenta as artes escénicas para público familiar co seu apoio ao VII Festival das Núbebes de Pontevedra
[11/09/2019]
O VII Festival das Núbebes de Pontevedra  presentou hoxe o seu programa de actividades de artes escénicas dirixido especialmente a bebés e familias, para cuxa celebración conta co apoio da Xunta de Galicia. O certame, único en Galicia do seu xénero dedicado por completo ás idades máis temperás, desenvolverase en dúas fins de semana consecutivas, os días 20, 21, 22, 28 e 29 de setembro, cunha carteleira que abrangue teatro, contos, música e obradoiros.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na presentación xunto cos organizadores do festival, Andrea Bayer e Óscar Ferreira, integrantes da compañía Baobab; e Carme Fouces, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, promotor do evento. Todos eles incidiron na importancia da cita como alternativa de ocio das familias e da crecente consolidación deste festival na axenda cultural galega.
 
Jacobo Sutil explicou ademais que o Núbebes recibe este ano axuda económica de preto de 8.000 euros da Consellería de Cultura e Turismo, como unha das oito mostras galegas adxudicatarias da última convocatoria de subvencións da Agadic a festivais profesionais de artes escénicas, dotada este ano con 190.000 euros.
 
Referiuse tamén aos valores específicos deste festival pola súa compoñente de ‘facilitador e garante’ para o potencial público do futuro. “Sabemos que da súa experiencia favorable en citas como esta dependerá, en boa medida, a continuidade na asistencia ao teatro das familias, dos nenos e nenas xa en idades maiores e, en definitiva, dos espectadores das vindeiras xeracións”, expresou.
 
Guerra de almofadas
O cartel do VII Festival das Núbebes arranca o venres 20 no Teatro Principal cunha sesión de teatro, monicreques e música que contará con Cora Velasco como artista convidada. Nos restantes catro días do enconto, a actividade estenderase a outros emprazamentos, como o Padroado de Turismo Rías Baixas, a Casa Azul, o Centro Social do Casino Mercantil e o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, ademais da praza do Teucro, onde terá lugar o domingo 29 a xa tradicional guerra de almofadas e coxíns que precederá o espectáculo musicalA voar, da Cé Orquestra Pantasma.  
 
Outras formacións que presentarán as súas montaxes son Mercedes Prieto con Ninananas, Kamante Teatro con Sembrando historias, Asociación Down Pontevedra con Cociñando Xunt@s, Cris de Caldas e Xabi de Camiño con Kenka un kenko, Nieves López López con Apertas de familia, Baobab Teatro con O lobo e a lúa, O Mago Paco con Patapatún, tun, tun!!, Eugenia Manzanera con Caracoles, Flauta Mágica con Lúa, lúa, sol, ou Raquel Queizás con O xogo de Nano, entre outras. Varias propostas van dirixidas á franxa de idade de cero a un ano e todas elas están recomendadas especialmente para nenos e nenas ata os seis anos. 

-Programa do VII Festival das Núbebes