A Xunta apoia o Caudal Fest coas actividades paralelas e o patrocinio dun escenario a través da marca FEST Galicia

  A segunda edición do festival desenvolverase en Lugo o 20 e 21 de setembro e será a última cita do calendario de festivais adheridos a FEST Galicia en 2019

  A marca creada pola Consellería de Cultura e Turismo contará cun espazo propio onde se desenvolverán accións de sensibilización sobre igualdade, uso da lingua galega, respecto medioambiental e os valores positivos para a mocidade

  FEST Galicia desenvolverá tamén un estudo de campo para coñecer o impacto socioeconómico do Caudal Fest no seu territorio

A Xunta apoia o Caudal Fest coas actividades paralelas e o patrocinio dun escenario a través da marca FEST Galicia
[17/09/2019]
O Caudal Fest celebra este venres 20 e o sábado 21 en Lugo a súa segunda edición cunha programación que pretende consolidar o éxito acadado en 2018 e adherido este ano ao grupo de festivais que contan co apoio da Xunta a través de FEST Galicia, unha iniciativa da Administración consensuada co sector, na que participan de xeito transversal diferentes departamentos autonómicos, baixo a coordinación da Consellería de Cultura e Turismo.

FEST Galicia botou a andar o pasado verán co obxectivo de promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social, e ademais dun patrocinio económico que achega 350.000 euros para os 12 festivais asociados (Resurrection Fest, PortAmérica, 17º Ribeira Sacra, Vive Nigrán, Sinsal, Atlantic Fest, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival, Cantos na Maré e Caudal FEST), tamén desenvolve nestas citas unha serie de accións de sensibilización social e medioambiental.
 
A Xunta, a través de FEST Galicia, contará no recinto do Pazo de Feiras e Exposicións lucense cun espazo propio, que funcionará como epicentro para a difusión de diferentes campañas de concienciación social e medioambiental impulsadas a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo.
 
Igualdade e xuventude
No Caudal Fest, persoal formado en Igualdade difundirá o Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber para informar sobre como actuar en caso de agresións, dentro dacampaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual. Ademais, o venres 20, de 19,00 a 21,00 h., desenvolverase o obradoiro Machismos Off, no que se identificarán condutas machistas asumidas como habituais, como primeiro paso para loitar contra elas. As persoas participantes tratarán de buscar respostas para ese tipo de situacións e poderán compartir as súas reflexións nas redes sociais coas etiquetas#MachismosOFF e #FestGalicia2019.
 
O sábado 21, de 19,00 a 21,00 h., haberá accións dirixidas á mocidade, entre elas unha actividade lúdico-formativa na que se farán preguntas sobre Galicia en diferentes disciplinas marcadas nunha ruleta. A medida dos acertos, conseguiranse distintos premios. O persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil será o encargado de desenvolver este xogo, ao tempo que ofrecerá información sobre os programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
 
Fomento do galego e sensibilización medioambiental
O usoda lingua é outro dos ámbitos no que FEST Galicia segue a traballar nesta edición en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O obxectivo é convidar a xuventude a se relacionar de xeito responsable co medio e a facelo en galego. Así, tamén o sábado, a partir das 17,00 h., o comunicador Víctor Grande animará o público asistente a que achegue as súas ideas sobre actuacións de dinamización neste ámbito. Realizarase tamén o reto do Teléfono esnaquizado e o concurso Pasa a palabra.
 
Oespazo FEST Galicia contará o venres cun punto informativo de Medio Ambiente, no que persoal especializado lles transmitirá aos asistentes a importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente. Neste sentido, elaborouse un Manual de eventos sustentablesno que se reflicten medidas para ter en conta a Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: fomento do uso do transporte público e compartido, consumo de produtos locais, ecolóxicos e de comercio xusto, e optimización do uso de auga e enerxía. Por outra banda, xestionarase o servizo de contedores para a separación de residuos en colaboración coas entidades xestoras.
 
Escenario FEST Galicia para grupos emerxentes
A marca respalda ademais a programación dun dos escenarios do festival, onde terán lugar concertos de artistas emerxentes con forte presenza galega como Marem Larson, Ortiga, The Rapants, Deleiba e Galician Army, aos que se unen Dj Llomas e Dj Popy, e os artistas Tigre y Diamante desde Gijón e Denom desde Madrid. Ademais, o Caudal Fest contará coas actuacións de La Pegatina, La M.O.D.A., Xoel López, Izal, Carolina Durante, Toteking, Holywater, Agoraphobia, Beret, Bocanada e Los Bengala.
 
Así mesmo, FEST Galicia realizará un estudo a través de enquisas ao público, co fin de obter datos sobre o retorno directo, indirecto e inducido do festival no seu territorio. As medicións fainas un equipo consultor integrado por especialistas do ámbito universitario e terán como resultado un informe de avaliación que servirá como punto de partida para traballar sobre medidas que redunden nos valores que a marca promove. O ano pasado leváronse a cabo os do Resurrection Fest, PortAmértica, Sinsal, SonRías Baixas e Revenidas, aos que este ano se engaden os de Atlantic Fest, Vive Nigrán, 17º Ribeira Sacra, Wos Festival, Festival de la Luz e o propio Caudal Fest.

[Na fotografía, imaxe do espazo FEST Galicia no pasado Festival de la Luz]

-Web de FEST Galicia
-Web do Caudal Fest