O Festival 17º Ribeira Sacra xera un impacto económico de case medio millón de euros no seu territorio

  A Xunta presenta os resultados do estudo sobre a repercusión socioeconómica do evento, elaborado como parte das accións que desenvolve baixo a marca FEST Galicia para promover a Comunidade como destino musical de calidade

  A terceira edición do festival, celebrada en xullo en seis concellos da Ribeira Sacra, rexistrou máis de 3.500 visitas e obtivo unha valoración xeral 8,2 puntos sobre 10

  O retorno da achega de Cultura e Turismo a través da convocatoria de subvencións a festivais de música sitúase entre 13,4 e 16,2 euros por cada euro investido

O Festival 17º Ribeira Sacra xera un impacto económico de case medio millón de euros no seu territorio
[23/09/2019]
O estudo de avaliación do impacto do Festival 17º Ribeira Sacra cifra en 490.000 euros o retorno económico do festival en toda a súa zona de influencia, segundo os datos que foron presentados hoxe en Lugo. A Consellería de Cultura e Turismo está a impulsar a elaboración destes informes socioeconómicos nos eventos patrocinados pola Xunta baixo a marca FEST Galicia, que botou a andar no verán de 2018 co obxectivo de promover a nosa Comunidade como destino musical baixo criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social.


Como explicaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Xunta José Manuel Balseiro, da realización destes estudos encárgase o Grupo de Investigación en Economía da Cultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co apoio do Goberno galego. No caso do Festival 17º Ribeira Sacra, que celebrou a súa terceira edición do 18 ao 20 de xullo en distintas localizacións de Monforte de Lemos, Sober e Chantada; e os días 26 e 27 en Castro Caldelas, Ribas de Sil e Nogueira de Ramuín; os resultados foron obtidos a partir de 815 enquisas directas a asistentes e das cifras facilitadas polo propio festival. O seu director, Carlos Montilla, interveu tamén na presentación, xunto ao codirector deste traballo, Fran Núñez, autor así mesmo da súa metodoloxía orixinal.
 
Motor cultural, económico e turístico
Para o responsable da Agadic, o estudo achega datos moi útiles para difundir o valor dos festivais de música como motores culturais, económicos e turísticos das súas comarcas. Entre eles, a contabilización de 3.500 visitas (unhas 1.600 persoas diferentes) nesta edición do 17º Ribeira Sacra, das que un 21% proceden de fóra de Galicia, cun gasto medio por persoa e día estimado en 77 euros (sen incluír transporte).
 
Detallou tamén que o retorno do impacto económico se sitúa en 2,5 euros por cada euro investido polo festival, subliñando que esta contía se incrementa notablemente ao analizar a optimización do investimento público por parte da organización do evento. Neste caso, as marxes flutúan entre 13,4 e 16,2 euros por cada euro dos 21.136 adxudicados ao Festival 17º Ribeira Sacra a través da última convocatoria de subvencións da Agadic a festivais de música.
 
Puntuación global de 8,2 e perfil de asistente
Entre outros datos salientables está a valoración do público, que puntúa esta última edición cun 8,2 sobre 10 e, en concreto, outorga notas próximas ou por riba dos 9 puntos a cuestións como a localización e integración na contorna, o trato do persoal, a sensación de seguridade ou o mantemento dos espazos. Estas elevadas marcas esténdense aos intanxibles e ao impacto social: mellora o nivel cultural das persoas asistentes (8,20), mellora o coñecemento da localidade (89,16) e a súa imaxe (8,97), xera impacto económico (8,93), atrae turismo (9,13) e favorece o orgullo local (8,70).
 
Ao referirse ao perfil de asistente máis común (muller, galega, de entre 35 e 44 anos, con estudos universitarios, traballadora por conta allea e que acude en grupo con dúas persoas), Jacobo Sutil incidiu en que o Festival 17º Ribeira Sacra se revela como motor turístico para toda a zona. “Un punto que desde a Xunta de Galicia valoramos especialmente xa que a Ribeira Sacra será o vindeiro 2021 a candidata de España a ser incluída na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO”, expresou.
 
Na presentación explicouse así mesmo o sistema de medición empregado: Avaliación 360º, unha metodoloxía pioneira e orixinal, que Fran Núñez desenvolveu na súa tese de doutoramento e que se explica nun manual editado pola Agadic. Grazas a el, os resultados poden extraerse cunha gran rapidez, minuciosidade e rigorosidade académica.
 
Como no resto dos festivais estudados, o grupo de traballo da USC formou parte do equipo de FEST Galicia desprazado á Ribeira Sacra, onde a marca contou cun stand propio desde o que se difundiron  campañas de concienciación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións. A súa implicación directa dá conta do carácter transversal desta iniciativa, a través da que este ano se patrocinan 12 festivais de toda Galicia.Neste caso, deuse soporte, ademais, ao escenario FEST Galicia instalado no Parador de Monforte e ás pulseiras que se empregaron para acceder ao recinto.

O informe do Festival 17º Ribeira Sacra enmárcase na segunda quenda de estudos de impacto ao abeiro de FEST Galicia, que xa en 2018 recolleu datos do Sinsal, PortAmérica, Revenidas, SonRías Baixas e Resurrection. Este verán sumáronse tamén o Vive Nigrán, o Atlantic Fest, o Festival de la Luz, o WOS Festival e o Caudal Fest, celebrado precisamente esta pasada fin de semana en Lugo e co que rematou o calendario de festivais adheridos á marca da Xunta para a temporada de 2019.

-Web de Fest Galicia