A Xunta de Galicia apoia a presentación do fime 'O que arde' no Festival de San Sebastián

A Xunta de Galicia apoia a presentación do fime 'O que arde' no Festival de San Sebastián
[25/09/2019]
O Teatro Victoria Eugenia acolleu con gran éxito o pase principal do filme de Oliver Laxe O que arde no Festival de Cine de San Sebastián, onde a fita galega foi seleccionada para competir polo Premio do Público da sección Perlak, dedicada a longametraxes destacadas, inéditas en España e que chegan aclamadas pola crítica ou premiadas noutros festivais internacionais.
 

O que arde, que xa fora laureada en Cannes, contou cunha subvención da Xunta de Galicia para a súa produción executiva a cargo da compañía compostelá Miramemira, ademais de ser participada por Televisión de Galicia e outras entidades. A Consellería de Cultura e Turismo apoiou tamén a presentación en San Sebastián, onde onte á noite se lles ofreceu no Aquarium-Palacio del Mar unha recepción baixo a marca ‘Films from Galicia’ a prensa especializada e distribuidoras internacionais. No acto, no que se serviron produtos gastronómicos de Galicia Calidade, estiveron presentes os membros do equipo do filme desprazados (entre eles, os intérpretes protagonistas: Benedicta Sánchez e Amador Arias), así como o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

[Foto: Belén G. Ojea]