Vigo ofrece 12 funcións de circo, teatro, danza e maxia dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios coordinada pola Xunta

  A Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Vigo cofinancian esta carteleira, que comeza mañá con Pistacatro na rúa do Príncipe e continuará ata finais de novembro con outras oito compañías no Auditorio Municipal

  Xampatito Pato, ButacaZero, Fani Triana, Producións Dispersas, Desafora2, Arte’n’Rúa, Fran Sieira, Redrum e Teatro do Atlántico actuarán tamén na cidade olívica dentro deste circuíto

Vigo ofrece 12 funcións de circo, teatro, danza e maxia dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios coordinada pola Xunta
[25/09/2019]
Vigo ofrecerá ata finais de novembro 12 funcións de espectáculos de teatro para público adulto e infantil, novo circo, maxia e danza como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) que coordina a Xunta de Galicia, tal como quedou recollido no convenio asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Vigo.

No documento rubricado en Santiago por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Abel Losada, concelleiro de Cultura da cidade olívica, detállase a carteleira deseñada para o público vigués no marco da última parte de actividade anual deste circuíto.

Así, as representacións máis inmediatas serán esta mesma fin de semana con dous espectáculos da compañía Pistacatro Produtora de Soños, o que fará que o novo circo producido en Galicia sexa o protagonista na rúa do Príncipe, mañá venres 27 coa montaxe Espera e o sábado 28 con Sonambulante.
 
O domingo 6 de outubro iniciarase a actividade no Auditorio Municipal da praza do Rei, onde o malabarista Xampatito Pato (Jesús Velasco) executará o espectáculotitulado . As actuacións continuarán nese mesmo espazo con ButacaZero e a produción Despois das ondas (día 11), a ilusionista Fani Triana coa súa proposta Bimaxias (día 13), Producións Dispersas coa montaxe infantil Todas as marabillas do mundo (día 27). Xa en outubro, será a quenda da formación madrileña Desafora2 coa comedia No hay papel (día 2), e Arte’n’Rúa coa proposta escénica do mesmo nome para todos os públicos (día 3). A danza chegará os días 8 e 9 de novembro da man de Fran Sieira e a peza EntreSoños, en tanto que pecharán a temporada 2019 da RGTA en Vigo Redrum Teatro con Invisibles (dia 22) e Teatro do Atlántico con Dúas donas que bailan (día 29).       
 
Estas representacións forman parte das 205 citas culturais que están a ter lugar entre os meses de agosto e decembro nesta rede que conforman máis de 40 escenarios galegos.

-Web de Vigocultura