O Teatro Afundación de Vigo acolle o espectáculo 'Danza 3' coas agrupacións O Fiadeiro, Xacarandaina e Cantigas e Agarimos

  A delegada territorial da Xunta e o director da Agadic participaron na presentación desta proposta única, que se estrea o 13 de outubro con 120 artistas en escena

  O seu obxectivo é difundir e poñer en valos o baile e a música tradicionais de Galicia

O Teatro Afundación de Vigo acolle o espectáculo 'Danza 3' coas agrupacións O Fiadeiro, Xacarandaina e Cantigas e Agarimos
[03/10/2019]
Danza 3 no teatro é o título do espectáculo de baile e música tradicionais que estrearán en Vigo as tres agrupacións do colectivo XOC: O Fiadeiro de Vigo , Xacarandaina da Coruña e Cantigas e Agarimos de Santiago. O Teatro Afundación será o escenario desta función única, que terá lugar o domingo 13 de outubro ás 19,00 h.

Esta proposta conxunta, na que colabora a Consellería de Cultura e Turismo, foi presentada esta mañá na Delegación Territorial da Xunta en Vigo pola delegada, Corina Porro; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a coordinadora da área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, e os representates das tres formacións participantes: Miguel Ángel Pena de O Fiadeiro, Quique Peón de Xacarandaina e Pedro Brañas de Cantigas e Agarimos.
 
Na súa intervención, o director da Agadic enmarcou este espectáculo no labor de difusión da nosa música e danza tradicionais que as agrupacións do colectivo XOC levan a cabo en diferentes frontes, incluíndo o ciclo Danza 3 que cada ano organizan coa Xunta para compartir este patrimonio inmaterial coa cidadanía en localidades de toda Galicia.
 
Para Jacobo Sutil, “a eficacia na protección e transmisión fidedigna das nosas raíces culturais pasa necesariamente por compartilas cos espectadores de hoxe en día a través de espectáculos tan coidados na estética como respectuosos cos tradición”. Neste mesmo sentido, amosouse convencido de que Danza 3 no teatro contribuirá a esta misión de dignificar o baile galego e mesmo a redescubrilo desde outra perspectiva.
 
Posta en valor cara á sociedade
Trátase dunha proposta única, con 120 artistas sobre as táboas entre bailaríns e músicos para amosar a riqueza da danza galega, da música que a acompaña e do vestiario co que se pon en escena. O proxecto conxuga as claves que fundamentaron a recuperación do folclore galego e a súa consideración como un conxunto de saberes intrinsecamente valiosos cunha coidada posta en escena para favorecer a proxección social do devandito traballo cara á sociedade.
 
As entradas para Danza 3 no teatro están xa á venda na web ataquilla.com e no teléfono 902 504 500 a un prezo único de 5 euros. Tamén se poderán mercar no despacho de billetes situado na rúa Policarpo Sanz, nº 24.