O proxecto Camiño Escena Norte presenta en Santiago os espectáculos 'Como ceniza blanca sobre una hoguera' e 'Sagartu'

  A compañía asturiana La Tejedora de Sueños actuará o 11 de outubro no Salón Teatro e a vasca Hika Teatroa, o 13 na praza da Quintana

  A Xunta, a través da Agadic, é a patrocinadora principal da programación galega

O proxecto Camiño Escena Norte presenta en Santiago os espectáculos 'Como ceniza blanca sobre una hoguera' e 'Sagartu'
[07/10/2019]
A primeira edición do proxecto Camiño Escena Norte remata esta fin de semana en Compostela presentando dous espectáculos: Como ceniza blanca sobre una hoguera, de La Tejedora de Sueños, o 11 de outubro no Salón Teatro, e Sagartu de Hika Teatroa, o 13 na Praza da Quintana. Así concluirá esta iniciativa de intercambio promovida polas asociacións de produtoras escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, que trae varios espectáculos destas Comunidades a territorio galego e leva obras galegas a estoutras rexións seguindo o ronsel do Camiño de Santiago do Norte.
 

Como ceniza blanca sobre una hoguera, de Néstor Villazón (La Tejedora de Sueños, Asturias) lévanos á Zaragoza de 1485 cuns Reis Católicos que buscan unificar unha España dividida baixo o xugo da Santa Inquisición. Na súa defensa os xudeus máis ricos da cidade prepararán o asasinato do inquisidor xeral Pedro de Arbués. As súas consecuencias empezan a facerse visibles desde o comezo: Yannis e Milena, parella que dubida se pertencer ou non a esta conspiración, son detidos e encarcerados, guiando ao espectador no xuízo habitual a un herexe. A única función, que inclúe un debate posterior, será o venres 11 de outubro ás 20, 30 h no Salón Teatro compostelán. O acceso é gratuíto, previa retirada de localidades no despacho de billetes.

Sagartu, de Arantxa Iturbe e Agurtzane Intxaurraga (Hika Teatroa, Euskadi) é un espectáculo de rúa e multidisciplinar, que integra música en directo, teatro e danza. Sagartu reborda humor, alegría e vitalidade repasando todos os significados que a mazá tivo en Euskadi dende os tempos do Edén ata o presente. Trátase dunha montaxe apta para todos os públicos, que poderá verse o  domingo 13 de outubro ás 18,30 h, na praza da Quintana. En caso de choiva, a representación transladarase ao Salón Teatro, espazo que acollerá un taller previo ese mesmo día, ás 12.30 h.

Intercambio teatral
A través de Camiño Escena Norte, mentres en Galicia poderemos ver estes espectáculos astures, cántabros e vascos, dúas compañías galegas están a amosar as súas últimas producións nestes territorios. Elas son Baobab Teatro, con Luppo, e A Panadaría, con Elisa e Marcela. Ademais, Contraproducións estivo en residencia en Euskadi.
 
O programa xa botara a andar o pasado luns 2 de setembro no Salón Teatro cunha experiencia de residencias de creación escénica baseada no intercambio entre compañías das catro comunidades participantes. Neste caso son a galega Urdime  a asturiana El Callejón del Gato, que están a desenvolver en coprodución un espectáculo orientado á primeira infancia, que aúna a interpretación actoral, a manipulación e títeres e obxectos. 

Camiño Escena Norte artéllase arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión. Xorde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños e veciñas, dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían. Aproveitando esta ruta cultural e histórica que nos une dende hai séculos créase un novo camiño de cultura con espectáculos de teatro e danza, encontros, obradoiros, xornadas ou residencias de creación, no que mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.

Este proxecto está promovido polas asociacións de produtoras escénicas de cada unha das Comunidades autónomas implicadas: Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi). Está apoiado en Galicia pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como patrocinadora principal. Tamén colaboran as deputacións da Coruña e Lugo e a Fundación SGAE.

[Na imaxe, escena de 'Como ceniza blanca sobre una hoguera']

-Web de Camiño Escena Norte