O Salón Teatro acolle a estrea da versión en galego do espectáculo 'Desde o invisible'

  A compañía La Quintana Teatro ocupará o escenario compostelán de xoves a domingo, con dúas funcións escolares e outras catro para público xeral

  Á primeira representación seguirá un coloquio co equipo artístico e a do sábado será precedida da película ‘A gran voda 2.0’

O Salón Teatro acolle a estrea da versión en galego do espectáculo 'Desde o invisible'
[22/10/2019]
A compañía La Quintana Teatro traerá esta semana a Santiago de Compostela Desde o invisible, a súa primeira e aplaudida produción, gañadora do premio Max a mellor espectáculo revelación en 2008 e que se representa agora en versión galega con tradución a cargo de Santiago Cortegoso. O Salón Teatro acollerá a montaxe de xoves a domingo con catro funcións para público xeral e dúas destinadas a escolares.

Dirixida por Rolando San Martín a partir da dramaturxia de Irma Correa e Rubén Tejerina, Desde o invisible amosa situacións cotiás que non sempre son consideradas nin están en primeiro plano da actualidade social. A peza descubre distintas perspectivas dunha mesma realidade, o que fai que o espectador  reformule o concepto do que é ser normal.
 
Dúas actrices interpretan máis de dez personaxes nun quebracabezas de vidas moi descoñecidas para moitos de nós, pero que tentan ser felices como o resto do mundo. Esther Aja, Nacho Martín e Victoria Teijeiro compoñen un elenco que se move na escenografía ideada por Alicia de Miguel e Ikerne Jiménez. A potencia do espectáculo reside no seu contido social tanto como na posta en escena, cunha estética sinxela que non fai concesións ao artificio nin ao sentimentalismo.
 
A primeira das funcións será o xoves (20,30 h.) e incluirá un coloquio co equipo da compañía ao seu remate. O venres haberá dous pases matinais para escolares e, xa pola tarde, retomaranse os de público xeral, que se estenderán ao sábado e ao domingo (Día do Espectador, 18,00 h.). As localidades están á venda no web entradas.abanca.com e tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes nos días de apertura desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.
 
A estadía de La Quintana no Salón Teatro complétase coa proxección da película ‘A gran voda 2.0’, realizada pola asociación de teatro inclusivo La Quinta del Arte. Rodado na madrileña praza de Lavapiés, o filme éunha falsa voda entre dúas persoas con discapacidade e nel participaron máis de 80 actores con e sen diversidade funcional (afeccionados e profesionais). Poderá verse o sábado ás 18,00 h., con entrada gratuíta.

-Web de La Quintana Teatro
-Web de La Quinta del Arte
-'Desde o invisible' na web do CDG-Salón Teatro