A Xunta achégalle 24 actividades de dinamización e promoción ao programa da 12ª edición de Culturgal

  A Consellería de Cultura e Turismo é a patrocinadora principal do encontro, que presenta importantes novidades para o público baixo o lema ‘Dálle unha volta á Feira’

  Celébrase do 29 de novembro ao 1 de decembro arredor de cinco escenarios para actuacións e presentacións, 85 expositores no recinto feiral e 18 no espazo de arte contemporánea

A Xunta achégalle 24 actividades de dinamización e promoción ao programa da 12ª edición de Culturgal
[22/11/2019]
A Xunta mantén o seu apoio á feira das industrias culturais Culturgal como principal patrocinadora da súa 12ª edición, que terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo de Cultura de Pontevedra. A organización anunciou hoxe a programación completa do evento, que ofrece importantes novidades baixo o lema Dálle unha volta á feira e á que a Consellería de Cultura e Turismo lle achega 24 actividades de dinamización e promoción, ademais de volver contar cun expositor propio.

Así o detallou hoxe Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), quen interveu nesta presentación xunto a Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra; Carmen Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, e Xosé Aldea, director de Culturgal. Asistiron tamén Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Mª Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural.
 
Xacobeo 2021
O responsable da Agadic explicou que, ademais dunha contribución económica de 65.000 euros, a Xunta participa moi estreitamente nesta 12ª edición a través da organización directa dunha vintena de actividades e dun stand desde o que se difundirán os principais programas autonómicos de apoio á cultura galega. “Nesta presenza activa e proactiva en Culturgal van cobrando cada vez maior peso as iniciativas relacionadas cos preparativos do Xacobeo 2021, como a exposición O Camiño de Santiago debuxado, pero tamén queremos compartir con todos os visitantes anuncios de vindeiras programacións, balances de accións realizadas, obradoiros infantís ou libros publicados, así como ferramentas sectoriais como unha xornada de videoxogos, unha charla formativa sobre financiamento de coproducións internacionais de cine e mesmo asuntos tan relevantes na acción do Goberno Galego como a Estratexia da Cultura Galega 21 ou a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco”, enumerou.
 
Tamén subliñou que, para a Xunta, Culturgal é unha excelente plataforma que reflicte os bos resultados das sinerxías de colaboración co sector, sobre o que o Observatorio da Cultura Galega acaba de facer público un informe. Del, Sutil destacou que Galicia é a quinta Comunidade autónoma con maior número de empregados no ámbito cultural (35.000) e a sexta na porcentaxe destes traballadores respecto á totalidade dos seus empregos.
 
Novidades
Entre as novidades de Culturgal 2019 destaca a redistribución espacial do recinto feiral e unha mellor adecuación dos escenarios aos contidos da Feira baixo os nomes Infantil (con contacontos, baile, obradoiros, ciencia etc.), Foro (presentacións e encontros profesionais), Carpa (espectáculos, cunha capacidade máxima de 400 persoas), Libro (presentacións de lanzamentos, premios e outras novidades) e Cinema (traballos audiovisuais e avance dos que virán), ademais do espazo dedicado á arte contemporánea.
 
Así, cos 85 expositores do recinto feiral e os 18 do devandito Espazo Arte Contemporánea, este percorrido busca ofrecer unha panorámica da actividade cultural galega con galerías, editoriais, librarías, axencias culturais, artesáns e compañías, entre outras entidades. En canto á representación profesional e artística, Miguelanxo Prado, Marful, Chévere, Quico Cadaval, Oliver Laxe, Ledicia Costas, Dios Ke Te Krew, Tanxugueiras e Mabel Rivera son algúns dos nomes que figuran no programa desta edición.
 
A feira está promovida pola Asociación Culturgal, que engloba á súa vez as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

-Culturgal