A Agadic desenvolve unha sesión informativa sobre as claves e os procedementos das subvencións ao sector escénico para 2020

A Agadic desenvolve unha sesión informativa sobre as claves e os procedementos das subvencións ao sector escénico para 2020
[19/12/2019]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura e Turismo, ofreceulles hoxe aos representantes dun total de 15 compañías de teatro galegas unha sesión informativa na que se explicaron as claves e os procedementos prácticos das tres principais liñas de subvención ao sector para 2020: as axudas á creación escénica, as dirixidas ás salas de titularidade privada e as de distribución para as industrias culturais.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, recibiu na Cidade da Cultura de Galicia os asistentes á xornada, organizada en colaboración coa asociación galega de empresas de artes escénicas Escena Galega. Ademais da explicación dos contidos destas tres convocatorias (a de salas, xa en trámite de solicitude, e as outras dúas, de próxima publicación), a sesión abriuse tamén ás preguntas, dúbidas e achegas das persoas inscritas, tanto no que respecta á normativa de presentación de propostas como á tramitación administrativa e á xustificación posterior por parte dos proxectos beneficiarios.