A Xunta impulsa sete novos traballos discográficos mediante as axudas ao talento musical galego

  Desde hoxe pode consultarse na web da Agadic a adxudicación desta liña de subvencións, creada este ano co obxectivo de promover tanto o lanzamento como a consolidación de novas carreiras musicais

  Apóianse os discos de debut de Dequenvessendo e Ortiga e as últimas propostas de Agoraphobia, Miriam Sandoval, Pablo Sanmamed, Tanxugueiras e Terbutalina

A Xunta impulsa sete novos traballos discográficos mediante as axudas ao talento musical galego
[19/12/2019]
A Xunta de Galicia acaba de resolver a adxudicación da súa primeira convocatoria de subvencións para a promoción do talento musical galego no ámbito da produción fonográfica, a través da que apoia sete novos traballos discográficos para o lanzamento ou a consolidación dos seus artistas. Coa posta en marcha desta nova liña de axudas, búscase ademais impulsar a profesionalización do sector, a normalización no uso da lingua galega e o enriquecemento cultural a través da música.

A Consellería de Cultura e Turismo encargouse da xestión desta convocatoria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que hoxe publica na súa web a listaxe dos proxectos beneficiarios e as contías concedidas, que serán distribuídas en dúas anualidades.
 
Na primeira das modalidades da convocatoria, destinada á edición de primeiros traballos, apoiaranse con 2000 euros en cada caso a produción de Canto das Xacias e Chichos y sus Chichas, discos de debut de Dequenvessendo e Ortiga, respectivamente.
 
En canto á modalidade B, subvenciónase o lanzamento de cinco discos que buscan consolidar a carreira musical dos seus artistas e grupos: Unaligned, de Agoraphobia (na imaxe), con 8782 euros; Cantigas Trashumantes, de Mirian Sandoval, con 10.000; o libro-cd O namorar vai nos ollos, de Pablo Sanmamed, con 9500 euros; Contrapunto, de Tanxugueiras, con 10.000 euros; e Espabila gallego, de Terbutalina, con 5350 euros.
 
A concesión foi realizada en réxime de concorrencia competitiva, a partir da valoración das solicitudes por unha comisión de acordo cuns criterios preestablecidos, entre os que figuran a traxectoria da empresa nos tres anos anteriores, a presenza feminina na produción, o emprego da lingua galega, a proposta de difusión e comercialización, a implicación doutras empresas e/ou profesionais galegos ou a calidade do proxecto.