O CGAI inicia 2020 celebrando o 10║ aniversario do xurdimento do Novo Cinema Galego

  Cinco obras previas de Oliver Laxe e de Alberte Pagán abrirán a completa mirada que a filmoteca galega lles dedicará ao longo do ano a cineastas e títulos agrupados baixo o distintivo acuñado en 2010

  A entidade dependente da Consellería de Cultura e Turismo tamén ofrecerá películas remasterizadas de Stanley Kubrick e de cine español incluído no ciclo ĹBanda á parteĺ

  Rematará a antoloxía ĹUniverso Hitchcockĺ con catro últimos pases de filmes asinados polo mestre do suspense

O CGAI inicia 2020 celebrando o 10║ aniversario do xurdimento do Novo Cinema Galego
[04/01/2020]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI- Filmoteca de Galicia) da Consellería de Cultura e Turismo dedicará boa parte da súa programación de 2020 a celebrar o 10º aniversario do xurdimento do Novo Cinema Galego, etiqueta acuñada en 2010 baixo a que se agruparían moitos dos realizadores do país con maior proxección nesta última década. A primeira carteleira bimestral, que arrancará na Coruña o vindeiro martes 7 de xaneiro coa película chinesa Hasta siempre, hijo mío, alternará títulos galegos con cinema español, filmes de Kubrick, de Hitchcock e outras propostas ata completar 39 días de apertura ao público da sala de proxeccións.

Baixo o título NCG10, o CGAI conmemorará os 10 anos da denominación Novo Cinema Galego, o distintivo utilizado por primeira vez polo escritor Martin Pawley e que ata o día de hoxe se segue a empregar como referencia para identificar unha xeración de cineastas e de títulos moi diferentes nos aspectos estéticos e temáticos, pero unidos pola asunción de riscos formais, a posta en valor dos talentos individuais como único límite e o diálogo coas correntes máis innovadoras a nivel internacional. A produción á marxe da industria, a hibridación de xéneros e formatos e os recoñecementos acadados en festivais de prestixio son tamén outros dos seus trazos comúns.  
 
Así, e sen afán exhaustivo, nomes como Alberte Pagán, Oliver Laxe, Peque Varela, Eloy Enciso, Xurxo Chirro, Lois Patiño, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Marcos Nine, Ángel Santos, Lara Bacelo, Ramiro Ledo ou o dúo WeAReQQ estarán presentes nesta retrospectiva, que arrancará con dúas sesións de acceso gratuíto para a proxección de cinco pezas previas filmadas entre 2006 e 2010. A primera será o sábado 11 de xaneiro, presentada por Martin Pawley e dedicada a Oliver Laxe con Grr nº7: Y las chimeneas decidieron escapar (asinada con Enrique Aguilar), ademais de Grr nº8: Suena la trompeta, ahora veo otra cara e de París#1. A segunda das citas de NCG10 terá lugar o 22 de febreiro e nela poderán verse Eclipse e Bs. As, dúas fitas de Alberte Pagán.
 
Hitchcock e Kubrick
Neste mes de xaneiro, o CGAI rematará a antoloxía que lle está a dedicar desde setembro ao mestre norteamericano do suspense Alfred Hitchcock. A terceira e última entrega de Universo Hitchcock, ciclo organizado a demanda do público da filmoteca, comprende sesións dobres (ás 18,00 e ás 20,30 h.) das películas Enviado especial (día 8), Alarma en el expreso (día 17), Sospecha (día 24) e Los pájaros (día 28).
 
Ademais, e aproveitando a posta a disposición de novas remasterizacións dixitais, a cinemateca galega proxectará unha parte substancial da filmografía de Stanley Kubrick, figura lendaria no imaxinario da arte cinematográfica do século XX. Os títulos en carteleira son Eyes Wide Shut (21 e 23 de xaneiro), Lolita (29 de xaneiro), 2001, una odisea del espacio (31 de xaneiro), La naranja mecánica (6 de febreiro), Barry Lyndon (13 e 14 de febreiro), El resplandor (20 de febreiro) e La chaqueta metálica (27 de febreiro).
 
Cine español e Pensando en... con Xosé Manuel Pereiro
O sábado 1 de febreiro, o CGAI acollerá unha nova edición do programa organizado por Antón Reixa Pensando en cine, pensando en Galicia, dedicado á exhibición de películas galegas coas presentacións e comentarios de persoas vencelladas á nosa cultura. Nesta ocasión, a fita escollida é Encallados, de Alfonso Zarauza, e o comentarista será o xornalista Xosé Manuel Pereiro.
 
Neste bimestre seguirá tamén o ciclo de cinema español Banda á parte, coas películas La virgen de agosto, de Jonás Trueba (9 de xaneiro); Letters to Paul Morrissey, de Armand Rovira (15 de xaneiro); Liberté, de Albert Serra (22 de xaneiro); La hija de un ladrón, de Alberto Funes (30 de xaneiro); Sin techo, de Xesc Cabot e Pep Garrido (4 de febreiro); Los días que vendrán, de Carlos Marqués-Marcel (5 de febreiro); Ari y Yonai pasan el rato, de Yonai Boix e Ariadna Onofri (7 de febreiro); Cantares de una revolución, de Ramón Lluís Bande (12 de febreiro); Derechos del hombre e El complejo de dinero, as dúas de Juan Rodrigáñez (18 e 19 de febreiro, respectivamente); e El viaje de Marta, de Neus Ballús (26 de febreiro).
 
Así mesmo, terán continuidade as seccións habituais Off Galicia, dedicada ao cinema galego recente; CGAI Júnior, para o público infantil, e Desencadres ou Fóra de serie, nas que se presta atención a películas ou autores de interese non inseridos en ningún dos ciclos en curso. 

-CGAI