A Xunta impulsa a primeira feira profesional de música entre Galicia e Portugal MUMI como parte de 'O teu Xacobeo'

  Desenvolverase en Verín do 12 ao 14 de marzo e incluirá tamén unha programación de concertos abertos ao público xeral

  As bandas e artistas poden achegar as súas propostas artísticas ata o 11 de febreiro a través da web do encontro

A Xunta impulsa a primeira feira profesional de música entre Galicia e Portugal MUMI como parte de 'O teu Xacobeo'
[21/01/2020]
A Xunta de Galicia impulsa a posta en marcha do MUMI Verín’20, I Encontro Profesional de Música Galicia-Portugal, que terá lugar nesta localidade ourensá do 12 ao 14 de marzo como unha das iniciativas apoiadas polo programa da Consellería de Cultura e Turismo O teu Xacobeo.

Así o explicou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, na presentación desta feira na Casa da Cultura verinesa, na que tamén interviñeron Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín; Ana Villarino, deputada de Turismo da Deputación de Ourense, e os dous representantes da organización do MUMI: Manuel Vicente “Roxo”, de Culturactiva SCG, pola banda galega, e José Costa, de Banzé, pola portuguesa.
 
Sutil sinalou que esta foi unha das 352 iniciativas seleccionadas na primeira convocatoria de O teu Xacobeo, que estende o seu radio de acción a 100 concellos en moi diferentes áreas culturais. Ao tempo, incidiu na importante resposta do sector a este programa, que –debido á gran afluencia de solicitudes– ampliou o seu investimento inicial de 2 millóns a 4,7 millóns de euros en 2019. A esta cifra hai que sumarlle os 3,3 millóns da súa segunda convocatoria, que acaba de pecharse cun milleiro de propostas recibidas.
 
Respecto do MUMI, sinalou que “encaixa perfectamente co triplo carácter de evento participativo, descentralizado e sustentable dos que a vindeira celebración do Xacobeo 2021 se quere nutrir”. Así mesmo, destacou que esta feira reúne moitos elementos “para ser un éxito non só nesta primeira edición, senón tamén para se converter nun evento necesario e continuo no tempo, tanto polo xeito no que está deseñado e polos apoios institucionais e sectoriais que está a concitar, como pola experiencia e valía do equipo que está na organización”.
 
Ponte estable de intercambio musical
O MUMI, primeiro mercado de música e cultura que se organiza entre os territorios de Galicia e Portugal, está promovido por unha asociación de empresas, profesionais e colectivos do sector a ambas beiras do Miño, co obxectivo de crear unha ponte estable de intercambio musical entre os dous países.
 
Nel daranse cita artistas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas ou empresas de servizos e produción para establecer novas redes de contacto e coñecer propostas diferentes en primeira persoa. A súa programación profesional incluirá actividades de formación sobre cuestións técnicas, xurídicas e de promoción, speedmeetings, showcases cunha selección de artistas e bandas de Galicia e de Portugal, e unha feira sectorial.
 
O Camiño e o Xacobeo 2021
Neste apartado, o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021 serán abordados especificamente como grandes xeradores de oportunidades para o sector, aproveitando o seu patrimonio cultural e natural.
 
A programación abrirase, así mesmo, ao público xeral cunha serie de concertos, a través dos que se ofrecerá unha selección de diversos estilos e formatos que mesturará os novos valores e as figuras xa consagradas en espectáculos multidisciplinares, tanto para o público familiar como para o adulto.
 
A organización anunciou hoxe que xa está aberto o prazo de presentación de propostas artísticas para participar no MUMI Verín’20, que poden achegarse ata o 11 de febreiro a través da web mumimusicas.eu.