20 salas privadas danlle forma en 2020 Rede Galega de Msica ao Vivo da Xunta

  Publícase na web da Agadic a relación dos locais que contarán con apoio económico para programar concertos ata finais de ano

  Esta oferta cultural elaborarase a partir das propostas dos grupos e artistas inscritos no circuíto, no que a Consellería de Cultura e Turismo asume o 90% do orzamento

20 salas privadas danlle forma en 2020  Rede Galega de Msica ao Vivo da Xunta
[30/01/2020]
A Rede Galega de Música ao Vivo desenvolverá a súa programación de 2020 en vinte salas privadas de toda Galicia como resultado da convocatoria de admisión posta en marcha a finais do ano pasado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

As propias salas serán as encargadas de configurar as súas respectivas carteleiras ao abeiro deste circuíto de música en directo, financiado ao 90% pola Xunta de Galicia. O prazo de programación abrirase proximamente a partir do catálogo de propostas dos grupos e artistas inscritos a través da intranet galescena.gal ata o 31 de xaneiro.
 
Na relación de locais admitidos, publicada hoxe na sección de avisos desta web, figuran catro novas incorporacións á Rede Galega de Música ao Vivo respecto a 2019: Aturuxo de Bueu, Sala Ruído de Ferrol, Sete Flores do Carballiño e Auriense de Ourense. Ademais, repiten como parte do circuíto Bâbâ Bar e Garufa da Coruña, A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, SalaSON de Cangas, A Ventana de Laxe, Clavicémbalo de Lugo, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Náutico do Grove, Borriquita de Belem, Casa das Crechas e Sala Moon de Santiago de Compostela, A Arca da Noe de Vilar de Santos, e El Contrabajo, La Fábrica de Chocolate e La Pecera de Vigo.  
 
Unha comisión encargouse de valorar todas as solicitudes presentadas para elaborar a proposta de admisión de acordo cos criterios de baremación que se especificaban nas bases. Entre eles, tivéronse en conta a capacidade do local, a antigüidade, os concertos programados nos últimos dous anos e os equipamentos audiovisuais, así como o acceso ou estado do escenario e dos camerinos.
 
Neste circuíto, promovido pola Xunta en colaboración coas asociacións Clubtura e Músicas ao Vivo, ten cabida unha ampla variedade de estilos musicais, cun gran protagonismo dos grupos galegos. Durante o ano pasado ofreceu preto de 200 concertos en 20 espazos asociados, para o que se contou cun orzamento de máis de 170.000 euros.