O Salón Teatro recibe cinco espectáculos de tres países como sede do 26º Festival Internacional de Teatro Universitario da USC

  Celebrarase do 10 ao 14 de febreiro no espazo do CDG, onde ademais da Aula de Teatro da USC e da ESAD, actuarán compañías de Almería, Lituania e Portugal

  A programación de febreiro no escenario compostelán completarase coa estrea o día 28 do espectáculo ‘Os nenos da varíola’, de Pérez&Fernández, dentro do programa de coproducións do Centro Dramático Galego

O Salón Teatro recibe cinco espectáculos de tres países como sede do 26º Festival Internacional de Teatro Universitario da USC
[09/02/2020]
O Salón Teatro de Santiago volve abrirlle as súas portas á escena universitaria como sede da 26ª edición do Festival Internacional de Teatro Universitario, que organiza a Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) do luns 10 ao venres 14 de febreiro.

A sede do Centro Dramático Galego (CDG) recibirá cinco espectáculos, dos que dous corren a cargo de compañías galegas e as tres restantes de formacións universitarias chegadas desde Almería, Lituania e Portugal. Así, a programación arranca o luns que vén coa posta en escena de En inverno non vai tempo para ir á praia pero ti insistiches en ir e facer un pic-nic, da compañía da Aula de Teatro da USC, á que lle seguirán o martes 11 Sala (A illa), do Estudio Teatral Palépé da Vilniaus Gedimino Technikos Universitetas de Lituania; o mércores 12 Nana, da Aula de Teatro da Universidad de Almería; o xoves 13 Doentum imaxinaribus, da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, e o venres 14 Cântico Negro, da compañía Teatrubi da Universidade da Beira Interior da cidade portuguesa de Covilhã.
 
As cinco funcións do festival terán lugar ás 21,00 h. e a entrada é de balde, previa retirada dos convites no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto desde dúas horas antes do comezo das representacións.
 
Ás propostas universitarias, que regresarán a este espazo compostelán do 21 ao 26 de abril cunha nova entrega da Mostra de Teatro Universitario de Galicia, seguiralles este mes de febreiro a estrea de Os nenos da varíola, espectáculo de Pérez&Fernández a partir da novela de María Solar e inserido no programa de coproducións desenvolvido pola Xunta a través do CDG.
 
Esta nova montaxe poderá verse no Salón Teatro do venres 28 de febreiro ao domingo 1 de marzo e as entradas xa poden adquirirse a través da web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443.