A Xunta apoia o programa Residencias Paraíso do Colectivo RPM para impulsar seis novos proxectos de artes do movemento

  Colabora economicamente coa súa cuarta edición, para a que foron seleccionadas as propostas de Ex Architectures, Cris Vilariño e Alberto Cortés, Javier Martín, Andrea Quintana, Laila Tafur, e Laura Villaverde, Raquel Espada e Megan Hanley

  Achega tamén o Salón Teatro de Santiago como unha das sedes desta iniciativa que, no actual contexto de crise sanitaria, busca servir de estímulo para a comunidade galega das artes vivas e da creación contemporánea

A Xunta apoia o programa Residencias Paraíso do Colectivo RPM para impulsar seis novos proxectos de artes do movemento
[20/04/2020]
A Xunta de Galicia volve apoiar economicamente o programa Residencias Paraíso do Colectivo RPM, que anunciou os seis proxectos de artes do movemento seleccionados para impulsar os seus procesos creativos no marco da cuarta edición desta iniciativa. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), contribúe cun investimento de 18.000 euros como patrocinadora principal.

Facilita, así mesmo, as instalacións e o equipo técnico do Salón Teatro de Santiago de Compostela, que será un dos sete espazos receptores das estadías artísticas deste ano, cunha duración de entre dúas e tres semanas segundo os casos e cuxas datas atenderán á evolución da actual crise sanitaria. En concreto, a sede do Centro Dramático Galego (CDG) recibirá a Andrea Quintana co seu solo de danza O raro é que bailar sexa raro.

Os outros cinco proxectos das Residencias Paraíso 2020 son Shelter, do colectivo Ex Architectures, no espazo Normal da Universidade da Coruña; Manodura, da artista galega Cris Vilariño xunto ao dramaturgo andaluz Alberto Cortés, no Teatro Rosalía Castro da Coruña e no Pazo da Cultura de Carballo; Teorema, de Javier Martín, no Pazo da Cultura de Narón; H/Ostia, de Laura Villaverde, Raquel Espada e Megan Hanley, no Vello Cárcere de Lugo, e Carne de canción, de Laila Tafur, na Igrexa da Madalena de Ribadavia en colaboración coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) desta localidade ourensá.

Unha comisión integrada por Félix Fernández e Alexis Fernández, en representación do Colectivo RPM, e por Davide González, Marta Alonso e Natalia Balseiro como profesionais convidados, foi a encargada de seleccionar as propostas de entre as 62 recibidas para esta cuarta edición.

Estímulo á creación nas artes vivas
Coa súa implicación neste programa, a Xunta contribúe ao mantemento dunha iniciativa que, especialmente no actual contexto da crise provocada polo Covid-19, busca reforzar o seu papel como estímulo para a comunidade galega das artes vivas e da creación contemporánea. Ao tempo, recoñécese o labor que o Colectivo RPM vén levando a cabo desde a súa fundación en 2017 a prol do desenvolvemento deste sector en Galicia e que ten nas Residencias Paraíso unha das súas propostas máis sobresaíntes.

-Máis información sobre as Residencias Paraíso na web do Colectivo RPM