Cee acolle mañá a estrea do novo espectáculo familiar de Talía Teatro con dobre apoio da Xunta

  ‘Voa, voa!’ contou para a súa produción cunha das subvencións á creación escénica da Consellería de Cultura e poderá verse nunha quincena de concellos dentro do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’

  A compañía regresa aos escenarios na Casa da Cultura da localidade da que é orixinaria tras ter que adiar a presentación da súa nova proposta pola pandemia

Cee acolle mañá a estrea do novo espectáculo familiar de Talía Teatro con dobre apoio da Xunta
[14/07/2020]
Talía Teatro regresa mañá aos escenarios coa estrea do seu novo espectáculo para púbico familiar, Voa, voa!, que poderá verse ás 20,00 h na Casa da Cultura de Cee, localidade orixinaria da compañía, onde repetirá función o xoves 16, ás 12,00 h. A peza, escrita e dirixida por Artur Trillo, conta cun dobre apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través das subvencións á creación escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do programa de dinamización lingüística FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no marco do que este verán poderá verse nunha quincena de concellos.

Así o subliñou este mediodía o director da Agadic, Jacobo Sutil, durante a presentación da estrea, na que tamén participaron a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, así como Artur Trillo e os intérpretes María Ordóñez e Toño Casais. Na súa intervención, destacou igualmente que a compañía regresa a Cee para retomar a actividade no mesmo punto onde se atopaba no momento da declaración do estado de alarma, que lle obrigou a adiar estas representacións, inicialmente previstas para o mes de abril.
 
Percorrido por Galicia
Ao tempo, reactívase a programación habitual de FalaRedes, circuíto da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, dentro do que Talía Teatro levará este espectáculo a outras 14 localidades, con funcións gratuítas ata completar a capacidade e especialmente pensadas para familias e cativada ata os 8 anos. 
 
Como detallou o director da Agadic, Voa voa! poderá verse este mes de xullo en Noia, Carral, A Laracha, Moraña, Guntín, Foz, Vedra, Portas e O Carballiño, e durante agosto, no Pereiro de Aguiar, A Estrada, Ribadavia, Triacastela e Muros. “Serán, por suposto, representacións adaptadas á nova situación derivada da Covid-19, procurando espazos exteriores, ocupacións reducidas, e co cumprimento de todas as medidas sanitarias precisas”, explicou.
 
En nome da Consellería, trasladoulle á compañía a satisfacción por ter contribuído a facer realidade este novo proxecto de Talía Teatro que, nas súas palabras, “continúa a reafirmarse, tamén nesta nova normalidade, como unha das compañías escénicas máis activas e prolíficas coas que contamos no país”.
 
Divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras e, segundo a compañía, o principal obxectivo deste espectáculo para toda a familia. Así, a través dos nenos que interpretan María Ordoñez e Toño Casais, Voa, voa! recupera retrousos, xogos de man e ditos populares que se foron transmitindo de xeración en xeración, ademais de animar especialmente os máis maiores da casa a compartir cos pequenos os seus xogos da infancia e o vocabulario que empregaban. 
 
Toda a información e calendario de funcións no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.