Novas
Os espectáculos galegos protagonizan o cartel do Festaclown de Vilagarcía do 15 ao 22 de agosto




[05/08/2020]
A organización do Festaclown desvelou hoxe a programación que desenvolverá do 15 ao 22 de agosto en Vilagarcía de Arousa cunha destacada presenza de espectáculos galegos e media ducia de estreas. Como unha das novidades deste ano, a programación concéntrase durante unha semana e nunha soa localización, a praza da II República da capital arousá, ademais de habilitar a reserva de entradas como medidas para garantir a seguridade do públicoO director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do evento en nome da Xunta de Galicia, colaboradora habitual do festival que organiza a promotora galega Culturactiva. Sutil felicitou ao equipo organizador deste festival de humor solidario, representado por Nacho Fungueiriño e Fran Rei, polo esforzo para manter esta cita no complicado contexto actual e subliñou a gran capacidade de reacción e de adaptación da que está a facer gala o sector cultural galego á hora de retomar a actividade adaptándose á nova situación provocada pola crise sanitaria.
Plan de reactivación
Neste sentido, lembrou que a Xunta de Galicia está a desenvolver o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico cunha serie de medidas encamiñadas a apoiar as empresas e profesionais fronte aos efectos da covid-19. Entre elas, a modificación das bases das subvencións da Consellería de Cultura e Turismo a festivais escénicos, dotadas con 190.000 euros e que serán resoltas este mes de agosto. Entre os cambios inseridos, destacan o aumento das porcentaxes tanto de contratación de compañías galegas como do orzamento máximo que os adxudicatarios poden financiar a través desta convocatoria.
A aposta pola produción galega é precisamente unha das características que definen o Festaclown 2020, coa participación de nove formacións galegas, varias delas estreando novos espectáculos, como Isolada, de Pajarito; O parrulo feo, de Cía N+1, ou Ritmo, da nova compañía Trío Detrés. As propostas galegas, entre as que figuran tamén as de Mofa e Befa, Píscore, Troula, Peter Punk, Catropés ou Su.Ma, comparten cartel con outras chegadas de fóra: Cía Vaya, con integrantes de Italia, Francia e Chile, que estreará en Vilagarcía Te veo; o italiano Simone Romanó, que tamén ofrece en primicia Hop hop; o showman madrileño Javi Javichi e mais o clown catalán Albert Vinyes.
A programación deste ano complétase con dúas galas solidarias, para as que Festaclown conta con outra decena de artistas: Cirqueiraso sábado 15, que reivindicará o papel das mulleres no mundo do circo e do humor con Mónica de Nut, Ánxela Blanco, Vanessa Rivas, Marta Semprearriba e Raquel Veganzones en escena; e A saúde é o primeiro, o venres 21 con Fran Rei, Pedro Brandariz, O Mago Teto, Isabel Risco e Albert Vinyes.
-Festaclown