A Xunta leva a música de O Fiadeiro a Soutomaior nunha nova cita do ciclo 'Danza 3 Xacobeo 2021'

  A charanga e os pandereteiros da agrupación viguesa actuarán este domingo, ás 21,30 h., na Alameda Talo Río de Arcade

  A Consellería de Cultura e Turismo e o colectivo XOC colaboran por oitavo ano consecutivo no desenvolvemento deste programa de difusión da música e do baile tradicionais, que ofrece 12 citas noutros tantos concellos ata novembro

A Xunta leva a música de O Fiadeiro a Soutomaior nunha nova cita do ciclo 'Danza 3 Xacobeo 2021'
[14/08/2020]
O ciclo da Xunta Danza 3 Xacobeo 2021 continúa o seu percorrido por Galicia, que esta fin de semana recala en Soutomaior para ofrecer unha actuación de música tradicional a cargo de O Fiadeiro. A cita terá lugar o domingo 16, ás 21,30 h., na Alameda Talo Río de Arcade coa charanga e os pandereiteiros desta agrupación viguesa, que participa no programa xunto a Cantigas e Agarimos de Santiago e Xacarandaina da Coruña.

A Consellería de Cultura e Turismo e o colectivo XOC, integrado polas tres devanditas formacións, promoven por oitavo ano consecutivo esta iniciativa de difusión da música e o baile tradicionais de Galicia, que na edición de 2020 ofrecerá 12 funcións noutros tantos concellos ata o mes de novembro. Na meirande parte dos casos, celebraranse ao aire libre para exhibir a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio.

Os integrantes de O Fiadeiro foron os encargados de abrir o calendario de actuacións o pasado domingo en Mondariz, poñendo agora rumbo a Soutomaior para ofrecer, a continuación, outras dúas representacións de danza tradicional o 25 de agosto en Sanxenxo (20,00 h. na praza dos Barcos) e o 13 de setembro en Ribadavia (20,00 h. no Auditorio Rubén García do Castelo).
 
Pola súa banda, Cantigas e Agarimos estará co seu grupo de música tradicional o 22 de agosto en Val do Dubra (20,00 h. na Área Recreativa de Bembibre) e coa formación de baile o 23 de agosto no Grove (21,00 h. na praza do Corgo), o 18 de setembro no Carballiño (20,00 h. na praza da Veracruz) e o 13 de novembro en Padrón (20,00 h. no Auditorio Municipal).
 
En canto a Xacarandaina, viaxará ata Muros para protagonizar o 22 de agosto, ás 21,30 h., unha actuación musical na praza do Mercado. Ademais, levará a súa danza tradicional a Oleiros o 20 de setembro (12,30 h. no paseo marítimo de Santa Cristina), Arteixo o 17 de outubro (12,00 h. no Paseo Fluvial) e Malpica o 25 de outubro (20,00 h. na praza Anselno Villar Amigo).