A Xunta renova o seu apoio económico a Culturgal para unha versión adaptada da feira que primará a calidade e a utilidade

  A Consellería de Cultura e Turismo repite como patrocinadora principal do evento, que desenvolverá a súa décimo terceira edición do 27 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra

  O director da Agadic e o presidente da Asociación Culturgal asinaron o convenio de colaboración por un importe de 65.000 euros

A Xunta renova o seu apoio económico a Culturgal para unha versión adaptada da feira que primará a calidade e a utilidade
[27/08/2020]
 Xunta de Galicia renova a súa colaboración económica coa Asociación Culturgal para a organización en Pontevedra da feira homónima, que celebrará a súa décimo terceira edición do 27 ao 29 de novembro cunha versión adaptada á situación na que primarán a utilidade, a novidade e o alcance das propostas. Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Víctor López, presidente da asociación, asinaron o convenio mediante o que a Consellería de Cultura e Turismo mantén a súa achega de 65.000 euros para o desenvolvemento deste encontro de referencia para o sector cultural galego.

Tal e como recolle o documento, neste contexto de crise provocada pola covid-19, Culturgal reforza o seu papel como ferramenta necesaria para o sector cultural de Galicia e como dispositivo ao servizo de empresas, entidades e creadores, así como da sociedade en xeral, para contribuír á recuperación e á revitalización de todas as fases da actividade cultural, adoptando as necesarias medidas sanitarias para ofrecerlles un contorno seguro aos participantes.
 
Neste sentido, a organización avanzou que está a traballar na reestruturación do evento non só desde este punto de vista socio-sanitario, senón tamén para que a edición de 2020 sexa de utilidade para o sector, primando calidade sobre cantidade. Anunciou, así mesmo, que a apertura das convocatorias de stands e de programación está prevista para mediados do mes de setembro.
 
O convenio asinado incide, así mesmo, en que oobxectivo compartido coa Asociación Culturgal, que integran cinco dos colectivos profesionais máis representativos do sector –Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi)–, continúa a ser o fomento da demanda de produtos culturais entre a sociedade galega mediante un programa que conxuga o encontro profesional coa presentación e promoción de produtos e servizos.

-Culturgal