A Xunta apoia a cultura segura a través de FEST Galicia coa edición especial 'en conserva' do Revenidas de Vilaxoán

  É un dos 13 eventos integrantes da marca impulsada polo Goberno galego, aos que a Consellería de Cultura e Turismo destina 400.000 euros no marco do plan de reactivación dos sectores cultural e turístico

  En formato reducido e cunha capacidade máxima limitada a 500 asistentes, desenvolverase do 10 ao 13 de setembro cos concertos de Sés, Zeltia Irevire, Ortiga e Dakidarría no escenario FEST Galicia e varias actividade paralelas previa inscrición

A Xunta apoia a cultura segura a través de FEST Galicia coa edición especial 'en conserva' do Revenidas de Vilaxoán
[02/09/2020]
A Xunta apoia a través de FEST Galicia a programación do Revenidas en Conserva, que terá lugar do 10 ao 13 de setembro como edición especial e en formato reducido do festival que se celebra cada verán no núcleo de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa. Trátase dun dos 13 eventos integrantes da marca impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, mediante a que en 2020 se lles facilita á adaptación das propostas á actual situación sanitaria, pero mantendo as características de calidade, respecto ao medio ambiente e responsabilidade social que os asocian a esta iniciativa do Goberno autonómico.
En concreto, o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19 reservou 400.000 euros para os eventos FEST Galicia deste ano, co obxectivo de desenvolver diferentes actividades particularizadas e consensuadas tanto coa Asociación de Festivais de Galicia como con cada unha das citas. Así o explicou hoxe o director da Agadic, Jacobo Sutil, na presentación en Vilaxoán do Revenidas en Conserva xunto coa organización do festival e os representantes do resto das entidades colaboradoras.
 
Escenario principal
Neste caso, FEST Galicia patrocina o escenario onde se desenvolverán os catro concertos do cartel principal, cunha capacidade limitada a un máximo de 500 persoas e coa estrita aplicación das correspondentes medidas para garantir a seguridade de público, artistas e equipo técnico. Alí actuarán Sés e Zeltia Irevire o venres 11 e Ortiga e Dakidarría en acústico o sábado 12.
 
O festival, que este ano lle concede todo o protagonismo á música e á cultura de Galicia, ten preparadas tamén diferentes actividades paralelas, de balde e con inscrición previa para o control da capacidade, entre as que se atopan as actuacións De Vacas e Cuernicornios, Quico Cadaval e Monoulious DOP ou as gala de circo e de Festivala, coa  Lupe Blanco, Alba María, Suricar, Rebeca Santos e Aldaolado.
 
Ademais de Revenidas en Conserva, forman parte de FEST Galicia 2020 os xa celebrados Vive Nigrán, Sinsal Litoral SON Estrella Galicia, Festival 17º Ribeira Sacra, MicroSonRías Baixas, Atlantic Fest/FestGalicia Xacobeo 2021 e Resurrection Fest 2020 Online Edition, así como WOS Talks X FEST Galicia, Cantos na Maré/Compostela na Maré, Underfest SON Estrella Galicia, Festival de la Luz Edición Leiras, As Noites de Caudal Fest e PortAmérica/Talento galego para levar.
 

-Revenidas