O programa de intercambio 'Cami˝o Escena Norte' chega a Galicia co financiamento da Xunta para oito funciˇns de teatro e danza

  O director da Agadic participou na presentación da segunda edición desta iniciativa cultural compartida con Asturias, Cantabria e País Vasco, que se desenvolverá do 13 de setembro ao 11 de outubro en sete localidades galegas do Camiño do Norte

  Seis compañías asturianas, cántabras e vascas actuarán en Santiago, Mondoñedo, Lugo, Ribadeo, Sobrado, Vilalba e Arzúa, mentres que as galegas La Macana e La Quintana Teatro presentan os seus espectáculos nesas tres comunidades

O programa de intercambio 'Cami˝o Escena Norte' chega a Galicia co financiamento da Xunta para oito funciˇns de teatro e danza
[04/09/2020]
A Xunta financia a carteleira artística que despregará en Galicia a segunda edición de Camiño Escena Norte, programa de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco que do 13 de setembro ao 11 de outubro ofrecera oito actuacións de teatro e danza seguindo a Ruta Xacobea do Camiño do Norte por sete localidades: Mondoñedo, Lugo, Ribadeo, Sobrado dos Monxes, Vilalba, Arzúa e Santiago de Compostela.

Na capital de Galicia, punto de inicio e fin da programación, presentouse hoxe este calendario de actividades coa intervención do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, así como de Juan Rodríguez, presidente de Escena Galega, que promove  esta iniciativa conxuntamente coas asociacións profesionais de empresas de produción escénica das outras tres comunidades implicadas. Tamén participou Diego Vázquez Meizoso, coordinador do proxecto e xerente da devandita asociación.
 
O responsable da Agadic referiuse á situación provocada pola crise sanitaria para incidir no compromiso do Goberno galego coas empresas e os profesionais dos diferentes ámbitos culturais, aos que se dirixen especificamente as medidas que a Consellería de Cultura e Turismo está a implementar dentro do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19.
 
Apoio á cultura segura
Subliñou, así mesmo, a profesionalidade, responsabilidade social e capacidade de reacción e de adaptación ás circunstancias deste sector, das que son exemplo iniciativas que, como Camiño Escena Norte, “están deseñadas cuns altos estándares de calidade e uns rigoroso protocolos hixiénico-sanitarios para transmitirlle á cidadanía que a cultura non só e necesaria, senón tamén segura”.
 
Sutil referiuse igualmente ao espírito de intercambio e de dinamización cultural e turística co que botou a andar este programa en 2019, así como na idoneidade de que se vertebre xeograficamente a través dunha das rutas históricas de peregrinación a Santiago, o Camiño do Norte, coa ollada posta na celebración do Xacobeo 2021.
 
Entrada gratuíta
En canto ao calendario de representacións, en Galicia arrancará o 13 de setembro no Salón Teatro de Santiago e seguirá o ronsel do Camiño do Norte por Mondoñedo (19 de setembro), Lugo (20 de setembro), Ribadeo (25 de setembro), Sobrado dos Monxes (27 de setembro), Vilalba (4 de outubro) e Arzúa (10 de outubro), para rematar na praza da Quintana compostelá o 11 de outubro. Todas as funcións serán de entrada gratuíta e atenderán ás limitacións da capacidade e ás condicións de acceso habilitadas para cada un dos espazos.
 
Durante este percorrido, ofreceranse oito funcións de seis espectáculos: Quitamiedos, de Iñaki Rikarte (Kulunka Teatro, País Vasco); Tal vez soñar, de Sandro Cordero (Hilo Producciones, Cantabria); La loka historia de Frankenstein, de Pep Vila, Anacelia Álvarez e Roca Suárez (ACAR Teatro del Mundo, Asturias); Amarillo caído del cielo, de Juan Carlos Fernández Izquierdo (Ruído Interno, Cantabria); Celeste, de Chantal Franco e Patricia Toral (Luz, Micro y Punto, Asturias), e Basoa (Dantzaz, País Vasco).
 
Coprodución do Centro Coreográfico Galego
Pola súa banda, as compañías La Macana e La Quintana Teatro representarán a Galicia nas carteleiras das outras tres comunidades participantes, a primeira delas coa montaxe coproducida polo Centro Coreográfico Galego Pink Unicorns en Xixón, Villaviciosa, Torrelavega e Mutriku, e a segunda con Desde lo invisible en Navia, Oviedo, Laredo e Castro Urdiales.
 
Camiño Escena Nortedesenvolverá tamén unha serie de actividades paralelas, entre as que destaca o encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo do 15 ao 17 de setembro e para o que está aberto o período de inscricións ata o vindeiro día 7. Así mesmo, a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago acollerá do 14 ao 30 de setembro a  exposición Ultreia. Que foi Camiño Escena Norte 2019  e organizaranse encontros en liña coas compañías, ademais de actividades de mediación arredor dos espectáculo. A programación completa está dispoñible na web www.escenanorte.com.
 
Camiño Escena Norte xorde por iniciativa das asociacións empresarias do sector que traballan neste ámbito xeográfico e que aglutinan un centenar de compañías de teatro, monicreques, danza e novo circo: xunto a Escena Galega, Asociación de Empresas de Teatro y Danza de Asturias (EscenaAsturias), Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (ACEPAE) e Empresas de Producción Escénica Asociadas de Euskadi (Eskena).

-Camiño Escena Norte