A Xunta coproduce con tres espazos creativos de Vigo as montaxes 'Clásicas desfeitas', 'Outras miradas' e 'Cambio de foco'

  O novo Nononon.lab, Teatro Ensalle e Sala Ártica levarán a cabo cadanseu espectáculo a través da participación do Centro Dramático Galego

  Recoñécese o intenso traballo destes colectivos como polo de difusión escénica para a cidade e a súa ára metropolitana

  Os integrantes dos equipos mantiveron hoxe un encontro no Museo do Mar de Galicia cos directores da Agadic e do CDG

A Xunta coproduce con tres espazos creativos de Vigo as montaxes 'Clásicas desfeitas', 'Outras miradas' e 'Cambio de foco'
[11/09/2020]
O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade participa na produción dos tres vindeiros espectáculos doutros tantos espazos creativos e compañías no ámbito teatral que traballan na cidade de Vigo, como son Nononon.lab coa montaxe de Clásicas desfeitas, Teatro Ensalle con Outras miradas e Sala Ártika con Cambio de foco.

Integrantes dos equipos artísticos das tres compañías mantiveron esta mañá no Museo do Mar de Galicia un encontro no que tamén interviron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, e mais o director do CDG, Fran Núñez. Durante a reunión, todos os asistentes tiveron a oportunidade de intercambiar información e experiencias sobre os momentos concretos no que se atopa cada proxecto.
 
A posta en común tamén foi un xeito de recoñecerlles publicamente a estes colectivos o intenso labor de promoción teatral que están a levar a cabo en Vigo, xa que coa súa actividade compoñen un eixo de difusión dramática de iniciativa privada con gran repercusión na cidade e en toda a súa área de influencia e con crecente proxección tamén fóra dese ámbito xeográfico.
 
Traballos abertos e en proceso
Nononon é un novo espazo de creación e investigación escénica que está a preparar Clásicas desfeitas co traballo de Coti Faro, Xacobo Castro, Laura Iturralde, Lucía Estévez e Montse Piñeiro. A proposta, que se desenvolve a partir dos textos de PrometeoFausto e Frankenstein, ten como premisa a experimentación, polo que non se pretende acadar respostas sinxelas sobre as emocións ou o lugar do ser humano no mundo, senón activar a busca por medio da reflexión e do diálogo. Clásicas desfeitas ofreceu xa sesións abertas ao público a pasada semana na sala que rexenta a compañía, e que continuará o proceso de creación con representacións no marco de diferentes galegos e noutros recintos fóra de Vigo.
 
Outras miradasé a última montaxe de Teatro Ensalle, un proxecto docu-escénico que consta de tres fases: recompilación de material escrito, plástico ou audiovisual; edición e deseño da exposición dese material e traballo escénico para interactuar coa devandita mostra. Partindo da obra A nosa especie, escrita polo profesor de antropoloxía Marvin Harris, Teatro Ensalle formulou preguntas (sobre política, ecoloxía, economía, educación, existencialismo...) a artistas e cidadáns, en tre eles creadores da talle de Carmen Werner, Sergi Fäustino ou Antonio Fernández Lera. As respostas acadadas en diferentes formatos son a fonte da que se nutre o espectáculo asinado e interpretado por Pedro Fresneda, Raquel Hernández e Artur Rei. A estrea será os vindeiros 25, 26 e 27 de setembro no escenario da rúa Chile.  
 
Pola súa banda, Sala Ártika achega Cambio de foco, un traballo de investigación a cargo de tres equipos artísticos de diferentes xeracións e con tres xeitos distintos de ver o teatro. O obxectivo deste laboratorio é tender unha ponte entre a creación e o público, o que permitirá coñecer como percibe cada espectador as diversas pezas que o compoñen. O único común das tres son a liberdade creativa e o emprego do conto Sapatos de tacão alto, de Mia Couto. Ocúpanse da dirección e dramaturxia Marcos Alonso, Afredo Rodríguez e Rafael Rey; na dirección musical está Anxo Fernández e, no elenco, Rocío Salgado, Martín Maez, Fernanda Barrio, Olga Cameselle, Alfredo Rodríguez, Rafael Rey e Mathias Rodríguez. A estrea será o 6 de decembro na propia Sala Ártika.