Sarabela estrea a versión teatral de 'A lingua das bolboretas' cunha subvención da Xunta de Galicia á creación escénica

  O Auditorio Municipal de Ourense acolle mañá a función inaugural da montaxe coa que a compañía celebra os seus 40 anos de traxectoria sobre os escenarios

  Gonçalo Guerreiro asume a dirección e a dramaturxia do espectáculo que interpretan Fernado Dacosta, Elena Seijo, Fina Calleja, Sabela Gago, Josito Porto e Fran Lareu

  O proxecto recibe 50.000 euros da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través das subvencións da Agadic

Sarabela estrea a versión teatral de 'A lingua das bolboretas' cunha subvención da Xunta de Galicia á creación escénica
[15/09/2020]
A obra de Manuel Rivas A lingua das bolboretas estrea mañá en Ourense a súa primeira adaptación teatral cun espectáculo producido por Sarabela Teatro que acadou unha subvención á creación escénica da Xunta de Galicia. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade contribuíu con algo máis de 50.000 euros a este proxecto, dentro da súa liña anual de axudas para este ámbito artístico.
 

Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, na rolda de prensa de presentación da montaxe, un acto que tivo lugar no Auditorio Municipal da cidade das Burgas, o escenario que acollerá as representacións inaugurais mañá mércores día 16 e mais o xoves 17, e que contou tamén coa participación de todo o equipo da compañía, dirixido nesta ocasión por Gonçalo Guerreiro.
 
Fernado Dacosta, Elena Seijo, Fina Calleja, Sabela Gago, Josito Porto e Fran Lareu asumen a interpretación da que é a cuarta incursión de Sarabela nos textos de Rivas e coa que o colectivo ourensán celebra 40 anos de traxectoria profesional sobre os escenarios.
 
Cunha dramaturxia asinada tamén por Gonçalo Guerreiro (Elefante Elegante), na que establece un exercicio de intertextualidade con outro escrito de Rivas, A traxectoria do balón, enA lingua das bolboretas reflíctese a entrañable relación entre un mestre, Don Gregorio, e un neno, Pardal, co impacto que xera entre eles o estalido da guerra civil e facendo partícipe ao receptor da historia da fascinación infantil do protagonista ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas.
 
Recoñecemento á actividade escénica
Na súa intervención, o director da Agadic tivo palabras de recoñecemento para todas as compañías de teatro galegas que están a materializar e distribuír os seus espectáculos coas dificultades que engaden as restricións obrigadas pola actual crise sanitaria e, en especial, agradeceulle a Sarabela o seu compromiso por plasmar o seu novo espectáculo e facelo de xeito seguro e responsable para artistas e público.
 
Cualificou o proxecto escénico de “especialmente fermoso e oportuno” e contextualizou o apoio prestado pola Xunta de Galicia na relación de 29 compañías galegas de teatro e danza  beneficiarias da convocatoria de creación escénica deste 2020, unha liña de axuda dotada con  800.000 euros, un 23% máis que o pasado ano 2019, e cuxas bases foron modificadas para se acomodar á situación provocada pola pandemia.
 
Ao tempo, o director da Agadic animou os espectadores “a non deixar baleira ningunha das 60 butacas que estarán dispoñibles para cada representación no auditorio ourensán” e a referendar tamén coa súa presenza o resto de vindeiras funcións que ten previstas A lingua das bolboretas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, como son as que terán lugar na Sala Baía de Foz o 2 de outubro, na Casa da Cultura de Vimianzo o 10 de outubro, ou no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa o 14 de novembro.

-Web de Sarabela Teatro