O 31 Festival de Teatro Galego 'Celso Parada' desenvolverase no Carballi˝o do 23 ao 26 de setembro co apoio da Xunta de Galicia

  Haberá funcións no Auditorio Municipal Manuel María, na Casa da Cultura e nas rúas da vila, así como distintas actividades en liña

  Carlos Ledo asume a dirección do certame dedicado por completo á difusión de espectáculos en galegos e producidos en Galicia

  A Escola do Espectador do Teatro Galego e a lectura dramatizada internacional da obra de Carvalho Calero ĹA farsa das zocasĺ son algunhas das novidades deste ano

O 31 Festival de Teatro Galego 'Celso Parada' desenvolverase no Carballi˝o do 23 ao 26 de setembro co apoio da Xunta de Galicia
[21/09/2020]
O Festival de Teatro Galego-FETEGA ‘Celso Parada’ desenvolverá no Carballiño do 23 ao 26 de setembro a súa 31ª edición cunha carteleira dedicada integramente á escena do país, con espectáculos de sala, animación de rúa e unha Escola do Espectador como principal novidade das súas actividades paralelas. Os organizadores do certame, que incorpora a Carlos Ledo como director, presentaron hoxe en Ourense toda a programación, nun acto no que, en representación da Xunta de Galicia, participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.
A Casa da Cultura e o Auditorio Municipal Manuel María acollerán as representacións de Clausura de amor, de Cámara Negra Teatro; Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández (os dous espectáculos coproducidos polo Centro Dramático Galego); O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro; A que non podes dicir Coca-cola?, de AveLina Pérez; Technologies, de Pedro Brandariz; Sexo débil...o carallo!, de Arantxa Treus; Sempre o pensaches pero nunca o dixeches, de Diana Sieira; e Proxecto Literarias. Estas propostas integran o programa de sala, que, xunto ás sesións de teatro de rúa a cargo da compañía Barafunda, foron seleccionadas entre as máis de 100 propostas recibidas para participar no certame.
 
Realizarase, ademais, a lectura dramatizada internacional de A farsa das zocas, de Carvalho Calero, que será levada a cabo por 50 persoas voluntarias dos Centros de Estudos Galegos de distintos países, baixo a dirección desde Galicia por Vanesa Sotelo, e que se poderá seguir polas redes sociais durante 30 minutos ao día. A exposición Outra pel, outro rostro, dúas mesas redondas, obradoiros, a presentación do libro DramaturGA 20 e a conferencia titulada Traxedias, Dramas, Comedias e Públicos, a cargo de Afonso Becerra, Premio Fetega de Honra 2020, son outras das citas que ten preparadas o festival, ademais da entrega dos seus Premios Dorotea Bárcena.
 
Escola de público en liña 
Entre as actividades complementarias, a principal novidade é a Escola do Espectador de Teatro Galego, coordinada por Pepe Domínguez Bueno e orientada a afeccionados e público en xeral. Levarase a cabo en liña e co obxectivo de facilitarlle ao público as ferramentas necesarias para enriquecer o seu punto de vista sobre a poética creativa do artista en escena, tratando distintos tipos de dramaturxia e achegando nocións sobre a evolución do teatro.
 
Unión para unha cultura segura e pracenteira
Na súa intervención, o director da Agadic destacou que a actual situación sociosanitaria esixe que administracións, artistas e público estean máis unidos que nunca para facerlles fronte aos efectos da pandemia na cultura e para conseguir continuar a gozar dos nosos espectáculos “de xeito tan seguro como pracenteiro”.
 
Engadiu que o Fetega xa asumiu esta necesaria alianza, presentando unha carteira dedicada por enteiro ao teatro en galego e feito en Galicia, así como á incorporación de novas citas mediante a sección denominada ‘Sala online’.
 
Explicou tamén que o apoio da Xunta de Galicia ao Fetega materialízase a través do da liña de subvencións a festivais escénicos, unha convocatoria pola que a Consellería de Cultura, Eduación e Universidade distribuíu este ano 190.000 euros entre 10 eventos.