A Xunta apoia a 17 edición do festival Curtocircuíto, que por primeira vez combinará actividades presenciais e en liña

   O director da Agadic participou na presentación do programa e destacou a axuda que se lle presta ao evento a través da adaptación das subvencións a festivais audiovisuais para minimizar os efectos da pandemia

  O evento acolle a estrea en Galicia de ‘Lúa Vermella’, o último traballo de Lois Patiño, o 9 de outubro no Teatro Principal

  Créase a sección especial ‘XX:_novas creadoras’, dedicada a once cineastas galegas

A Xunta apoia a 17 edición do festival Curtocircuíto, que por primeira vez combinará actividades presenciais e en liña
[24/09/2020]
O Festival Internacional de Cine Curtocircuíto deu a coñecer hoxe a programación completa coa que celebrará o seu décimo sétimo aniversario do 3 ao 11 de outubro en Santiago, nunha edición que por vez primeira combinará as actividades presenciais coas que desenvolverá en liña. Filmin será a nova sede do festival na rede, na que se poderán ver as seccións competitivas Radar, Explora e Penínsulas.

A Xunta continúa a apoiar este certame promovido polo Concello compostelán, que volve  ser beneficiario das axudas aos festivais profesionais de cinema cun importe de preto de 23.800 euros. Deste xeito, o certame atópase de novo na listaxe dos 13 eventos adxudicatarios desta convocatoria, entre os que se distribuíu unha dotación de 190.000 euros, un 11% máis que en 2019.
 
Así o explicou durante a presentación do festival o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Jacobo Sutil, quen agradeceu á organización “por ser quen de adaptar o evento con rapidez e solvencia ás novas circunstancias e aos protocolos sanitarios, e sen perder, por isto, as liñas mestras da súa filosofía”. Neste sentido, expresou así mesmo que “vivimos unha situación que obriga necesariamente a revisar os xeitos de interacción entre creadores e público, que precisa dun ‘extra’ de responsabilidade e que pon a proba as nosas estruturas culturais e todos os axentes implicados nelas”.
 
Ademais do incremento orzamentario para este tipo de eventos, desde a Xunta tamén se adaptaron as bases á actual situación sanitaria a partir do diálogo mantido coa coordinadora de festivais audiovisuaisProxecta, con medidas adicionais como  ampliación de prazos, na inclusión entre os gastos subvencionables dos incorridos anteriormente e non recuperables como consecuencia do estado de alarma ou na posibilidade da celebración en liña, como fará o festival.
 
A programación
Jacobo Sutil celebrou ademais que Curtocircuíto faga un esforzo especial “por reunirnos  presencialmente” con motivo da estrea de Lúa Vermella, o último traballo de Lois Patiño, que chegará ao Teatro Principal de Santiago o venres 9 de outubro despois do seu aplaudido paso por festivais tan prestixiosos como os de Berlín ou Málaga. A película foi producida tamén cunha contribución ao seu financiamento por parte da Xunta de Galicia, concedida a través da convocatoria de subvención do ano 2015. 
 
A edición presentada hoxe polo seu director, Pela del Álamo, aposta por achegarlle ao público o traballo de grandes nomes ao lado de  novas figuras do cinema e a cultura visual contemporáneas, nun programa sempre comprometido coa calidade artística, as últimas tendencias cinematográficas, a vangarda e a interdisciplinariedade. Sempre arredor do formato da curtametraxe, a programación pretende unir ás novas xeracións de cineastas cos autores máis recoñecidos do panorama nacional.
 
Como novidade, a aposta polo traballo das artistas que están a marcar un antes e un despois dentro do audiovisual galego no foco XX:novas_creadoras, que xunto ás películas da sección competitiva Planeta GZ, a sección Supernova e a estrea galega de Lúa Vermella, sumarán á carteleira máis dunha trintena de traballos de cineastas de Galicia.
 
Sección oficial
Articuladas nas seccións competitivas Radar e Explora, Curtocircuíto amosará pezas de realizadores imprescindibles e propostas daqueles que despuntan co seu traballo máis actual. Un total de 35 películas de 22 países diferentes con risco creativo, diversidade e novas linguaxes chegarán ás salas á vez que se difundirán por todo o territorio español a través de Filmin, a sede en liña.
 
A sección Penínsulas contará con 12 títulos que poñen especial atención no cine de autor máis arriscado do panorama estatal, con traballos que buscan explorar lonxe dos tópicos clásicos da España actual. Recóllense aquí as pezas españolas de ficción e non-ficción máis destacadas da temporada que, como é habitual en cada edición, abarcan variedade de enfoques e xéneros.
 
Tamén haberá espazo para a formación e puntos de encontro a través da Rede. Os concertos e as performances completan o programa, con catro espectáculos protagonizados por Elías Merino, Julián Mayorga, Amorante e Javier Díez Ena.

-Web de Curtocircuíto