A Xunta patrocina a gran jam session de catro horas coa que Lugo conmemora o 30 aniversario do seu festival de jazz

  O evento ten lugar hoxe, desde as 13,00 h. na escalinata do Pazo Episcopal da capital lucense e preséntase como a maior cita deste tipo celebrada en España

  A Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz organiza este encontro como unha homenaxe musical a Charlie Parker con motivo dos trinta anos de historia do festival máis lonxevo de Galicia de todos os dedicados a este estilo

  Pode seguirse en streaming a través da páxina do encontro en Facebook

A Xunta patrocina a gran jam session de catro horas coa que Lugo conmemora o 30 aniversario do seu festival de jazz
[27/09/2020]
Lugo convértese hoxe no escenario da Festa do Jazz Galego, unha gran jam session de catro horas de duración na que participan un centenar de artistas para conmemorar os 30 anos de historia do Festival de Jazz da cidade, o máis lonxevo de todos os especializados neste estilo musical en Galicia. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asiste a esta celebración en representación da Xunta de Galicia, que patrocina o evento no marco do Xacobeo 2021 e baixo a organización da Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz.

Para o desenvolvemento do encontro, que se celebra finalmente despois de ser aprazado na súa primeira convocatoria para o pasado 30 de agosto, cóntase cun protocolo específico co obxectivo de garantir en todo momento a seguridade tanto do público como do equipo técnico e dos músicos, que irán subindo en diferentes quendas ao escenario.
 
A Festa do Jazz Galego, que arranca ás 13,00 h., desenvolve así nas escalinatas do Pazo Episcopal, na praza de Santa María, a maior jam session das celebradas en España tanto en número de participantes como en horas de duración.
 
As interpretacións teñen como fío condutor a homenaxe ao gran saxofonista norteamericano Charlie Parker no centenario do seu nacemento, como xeito de reivindicar tamén a calidade, internacionalmente recoñecida, das bandas galegas de jazz e no marco das actividades de conmemoración do 30º aniversario do Festival de Jazz de Lugo, que desenvolverá a súa edición de 2020 do 1 ao 15 do vindeiro mes de novembro.
 
Atendendo ás limitacións da capacidade para a asistencia presencial, o evento pode seguirse integramente en liña a través da súa retransmisión aberta e en streaming na páxina do festival en Facebook (@JazzLugo).