A Xunta colabora con Agatec para a capacitación profesional a través do Plan Formativo para persoal das Industrias Culturais

  A inscrición é gratuíta e xa está aberta para os tres cursos convocados: electricidade para a montaxe de eventos, rigging e estruturas escénicas, e vídeo e pantallas multimedia

  Desenvolveranse de xeito presencial no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia, durante outubro e novembro

  A iniciativa está incluída no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da Covid-19

A Xunta colabora con Agatec para a capacitación profesional a través do Plan Formativo para persoal das Industrias Culturais
[28/09/2020]
A Xunta de Galicia colabora coa Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (Agatec) para a posta en marcha do Plan Formativo para o Persoal das Industrias Culturais e Creativas, que se desenvolverá de xeito presencial e gratuíto entre os meses de outubro e novembro na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. 

A acción materialízase en virtude do convenio asinado entre o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o presidente de Agatec, Paco de Pin, e forma parte dunha trintena de iniciativas de formación continua e capacitación profesional no marco do Plan de reactivación do sectores culturais e Turístico fronte aos efectos da covid-19, ao que a Xunta destina 88.000 euros.Este investimento total distribúese entre cadanseu acordo de colaboración con catro das asociacións empresariais máis representativas nos seus respectivos ámbitos: ademais da Agatec, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) en audiovisual, Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) no ámbito musical, e Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega) para compañías de teatro e danza.
 
Tres cursos teórico-prácticos
No caso de Agatec, este colectivo organiza nas vindeiras semanas tres cursos teórico-prácticos especialmente pensados para persoal técnico e directivo no ámbito dos servizos tecnolóxicos e de alugueiro de equipos para espectáculos e eventos culturais. Así, o curso de electricidade para a montaxe de eventos terá lugar do 5 ao 9 de outubro, o de rigging e estruturas escénicas do 13 ao 23 de outubro e o de vídeo e pantallas multimedia do 2 aou 6 de novembro.
 
Os tres celebraranse de xeito presencial e estarán a cargo de 10 formadores profesionais. Todos eles se desenvolverán no Museo Centro Gaiás, en quendas de mañá (de 10.00 h. a 14.00 h.) ou de tarde (de 16,30 h. a 20.30 h.), para as que hai dispoñibles 24 prazas repartidas nas dúas quendas.
 
A Agatec é unha asociación de recente creación que conta na actualidade con nove empresas adheridas: Cega Audiovisuales, Emsac, Global Setupc, Igmar, Imaxson, Kachet, Sacaferro, Tesec e Vacaline. Os traballadores destas compañías terán prioridade na inscricicón.
 
Ao remate, os participantes recibirán por parte da Agatec un certificado acreditativo da súa asistencia ao curso específico no que se recoñeza a formación impartida, o número de horas e a superación da proba de avaliación. Para obter o certificado será preciso ter cumprido a asistencia a un mínimo do 80% das horas do curso.

-Inscricións: https://bit.ly/2S7Deb1
-Información: info@agatec.gal